O importe medio das pensións en Galiza é 125 euros menor que no Estado Español, cun diferencial negativo que medrou progresivamente nos últimos 20 anos.
En Galiza temos actualmente 144 persoas cotizando por cada 100 pensionistas, unha media moi inferior á do Estado Español (onde o número de cotizantes se eleva até 216) e que deparan unha media de 26 pensionistas por cada 100 cidadáns. Así o revela un informe presentado polo gabinete económico de Comisións Obreiras (CCOO) que se fixo público baixo o título de “O sistema público de pensións en Galiza”.
Pensións máis baixas
Alén do número de galegos que recibe unha prestación, é salientábel outro dato do que temos constancia mes a mes: o importe medio das pensións galegas segue a situarse na cola do Estado e moi por debaixo da media española (125 euros menos, é dicir, un 16% menos): mentres un galego percibe de media 629 euros ao mes, a media estatal dun pensionista ascende até 754 euros. Se ben o feito de que Galiza ocupe a última posición no listado das comunidades autónomas non é novidoso, si o é a tendencia dos últimos anos: O diferencial negativo medrou nos últimos 20 anos e segue incrementándose mes a mes.
Máis pensionistas
Asemade, medrou tamén cos anos o número de persoas en situación de percibir unha pensión: actualmente, nove de cada 100 pensións do Estado Español son percibidas en Galiza (onde reside o 6% da poboación total do Estado). O ano pasado, recibiron unha paga contributiva unha media de 714.900 persoas, o que supón un crecemento do 29% nos últimos 20 anos (cando a poboación só medrou un dous por cento).
Poucos traballadores para tantos xubilados
As pensións galegas do Réxime Xeral supoñen o 6% do total das de todo o Estado; as do Réxime Agrario o 35%; as do Réxime do Mar, o 39%; e as do Réxime de Autónomos, o 7,4%. As diferencias entre traballadores, polo tanto cotizantes, e pensionistas son especialmente preocupantes en algúns sectores. Por exemplo, os autónomos sumaron o ano pasado 236.438 traballadores fronte a 294.126 pensionistas; no caso dos traballadores do mar houbo un total de 25.460 cotizantes e 51.289 pensionistas; e no eido do agro, houbo outros 4.472 cotizantes e 6.178 xubilados.
Economía somerxida
Segundo CCOO a economía somerxida en Galiza podería ser catro ou cinco puntos superior á do Estado Español, polo que representaría un 30% do PIB, fronte a unha media do 10 ao 15% dos países da Unión Europea.O sindicato entende que facer emerxer estes “traballos en negro” para que paguen as súas cotizacións sería fundamental para garantir o futuro das pensións. Destaca a necesidade de proceder a controis máis estritos sobre a fiscalización, a contratación laboral e a fraude ao sistema de Seguridade Social, de xeito que as cotizacións se correspondan cos salarios reais.