Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Feira do libro de Boloña

Pegada galega na cita internacional co mellor do libro infantil

Dezasete editoriais do país no evento, entre elas OQO, na lista do mellor de 2010 con 'O último canto' e presentando proxecto audiovisual, e Kalandraka, co Premio Compostela.

Redacción - 11:35 25/03/2010

Un total de 17 editoriais galegas levan peneira do mellor dos seus catálogos á edición 2010 da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña: Kalandraka, Everest Galicia, Rodeira,Baía, OQO, A Nosa Terra, Edicións Xerais, Nova Galicia, El Patito Editorial, Sotelo Blanco, Tambre, Biblos Clube de Lectores, Obradoiro – Santillana, Galaxia, Primera Persona, Toxosoutos e Xerme.

Cun stand propio fornecido pola Dirección Xeral de Difusión e Promoción da Cultura, da Xunta de Galicia, mostran aló as súas novidades editoriais e impulsan a proxección da obra dos escritores e ilustradores galegos na que pasa por ser unha das citas de referencia que ao longo do ano se producen na escena editorial mundial. Ademais, entre outros actos, presentouse tamén a 32 edición do Congreso da International Board on Books for Young People (IBBY), que entre o 8 e o 12 de setembro terá lugar en Santiago de Compostela.

'O último canto', OQO filmes e o Premio Compostela
Entre as actividades convocadas, este xoves a Internationale Jugendbibliothek de Múnic presenta a súa exposición dos libros que en 2010 obtiveron a distinción The White Ravens, prestixiosa selección dos mellores libros infantís do mundo. A elección de 2010 está conformada con 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e procedente duns 50 países. Entre eles está O último canto (editado en galego, español e, en breve, en portugués, inglés, francés e italiano). Unha obra que, explican desde a editora OQO, "enfronta dun xeito entrañábel e natural a morte, un concepto difícil de comprender para os nenos e de explicar para os adultos". O volume é da autoría de Pablo Albo e Miguel Ángel Díez.

OQO é noticia ademais pola presentación do seu salto á produción de animación audiovisual, a través da marca OQO filmes. Segundo avanzan, as súas series de animación audiovisual en stop-motion serán distribuídas no mercado internacional por Imagina International Sales. A iniciativa proxecta adaptar os álbums ilustrados ao formato audiovisual: "Historias de calidade que desde a tradición oral van encontrando diferentes soportes —texto, imaxes, audiovisual…— ante a necesidade de ser contadas, escoitadas e transmitidas", explican.

Doutra banda, a editorial Kalandraka presenta o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, organizado en colaboración co Departamento de Educación do Concello de Santiago, que vai xa pola súa terceira edición. O encontro leva o título “O Premio Compostela, un camiño en sete linguas” e serve para presentar as obras gañadoras das dúas primeiras edicións: “Cerca”, da arxentina Natalia Colombo, e “Un gran soño”, do mexicano Felipe Ugalde. Ambas foron editadas en galego, castelán, catalán, euskera, portugués, inglés e italiano; os sete idiomas nos que tamén se publicará a obra que gañe a terceira convocatoria.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'O último canto', de Pablo Albo e Miguel Ángel Díez, na lista White Ravens 2010
'O último canto', de Pablo Albo e Miguel Ángel Díez, na lista White Ravens 2010
'Un gran soño', de Felipe Ugalde, o último Premio Compostela para Álbumes Ilustrados
'Un gran soño', de Felipe Ugalde, o último Premio Compostela para Álbumes Ilustrados