Urbanismo caótico, litoral degradado, lingua e cultura menosprezada... Un ano despois do último cambio de Goberno "imos a peor" advirte a plataforma.
Pola defensa do litoral, por unha ordenación racional do territorio, pola soberanía alimentaria e enerxética e por outro modelo de transporte. Catro das razóns fundamentais a prol das cales a plataforma Galiza Non se Vende convoca a cidadanía a manifestarse este domingo na capital do país.
"É o tempo de unirnos todos e todas e paralizar as agresións á vida e á Terra!", afirman desde a rede de colectivos. Logo das mobilizacións convocadas durante as últimas semanas en diversos puntos do país, Galiza Non se Vende chega outra vez a Compostela. Desta volta, e un ano despois do cambio de poder na Xunta, aproveitan para laiarse de que "como se esperaba, vamos a peor". "Este goberno, como os anteriores, segue o imposíbel camiño do crecemento indefinido: producir máis para consumir máis, quimera inviábel nun planeta con recursos limitados", expoñen. "Os recursos naturais son postos ao servizo dos intereses económicos e das grandes empresas, subvencionadas con cartos públicos, mentres que aumenta o desemprego e pechan os pequenos negocios", denuncian.
Entre as alertas sobre as que chaman a atención as asociacións vencelladas a esta rede cidadá están o "menosprezo" á lingua e cultura do país; a frouxa aposta polo transporte público que, advirten, é "escaso, ineficaz e está en mans privadas"; o litoral "entregado a construtoras para o grande negocio especulativo"; a introdución de transxénicos no agro; a "inexistente" ordenación do territorio ou a errada política forestal. Estes e outros argumentos, un feixe de desafíos que, reclaman, fan necesario "esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión". "É hora de saír á rúa e reclamar outro modelo económico e social", reivindican.
A cita na Alameda de Compostela desde as 12horas deste domingo.