Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado da Nación

Na procura de difíciles consensos fronte á crise, lingua e reforma estatutaria

Finaliza a cita na Cámara coa negociación entre os grupos parlamentarios das propostas de resolución na procura de puntos de encontro.

    Redacción - 16:25 17/03/2010

    O PPdeG chega ao treito final desde Debate do Estado da Nación con 85 propostas de resolución enriba da mesa. Os puntos sobre os que o partido que apoio o Goberno convida a consensuar inclúen a chamada ao "pacto para o rexuvenecemento de Galiza", exposta polo presidente da Xunta na xornada do martes, e salientan a reclamación dun posicionamento do Parlamento a prol da fusión entre as caixas galegas.

    Voceiro e vicevoceiro do grupo do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas e Pedro Puy, expuxeron un abano de medidas posíbeis fronte á crise económica e, entre outras, instan o Parlamento a que lle pida á Xunta que lle reclame ao goberno español a supresión da subida do IVE. Doutra banda, o PP asume basicamente as liñas debuxadas polo propio Alberto Núñez Feijoo no seu discurso. Ademais, o PP demanda a modificación da Lei de Réxime Electoral para garantir o voto en urna dos emigrantes e introduce de xeito específico unha proposta sobre o uso "ao 50%" de castelán e galego no ensino.

    O PSdeG pídelle a Feijoo "un esforzo de humildade"
    "O Parlamento debe ser lugar de encontro e traballo en busca e emprego", recordaba este mércores o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, convidando o presidente da Xunta a facer "un esforzo de humildade" e aceptar os pactos ofrecidos polos socialistas. De xeito especial, Fernández Leiceaga referiuse aos pactos ofertados sobre lingua e a prol doutro Estatuto. En total, o seu grupo achega 290 medidas organizadas en 29 iniciativas.

    Explicou Leiceaga que o seu grupo proporá a creación dunha comisión parlamentaria que desenvolva o Plan Xeral de Normalización Lingüística, na liña do demandado polo Consello da Cultura e en favor de "recuperar o consenso que o futuro do idioma necesita". Tamén a través dunha comisión parlamentaria, consideran os socialistas que se debería consensuar a reforma estatutaria pendente.

    Ao fío dos convites de Núñez Feijoo para o pacto sobre reactivación económica e dinamismo demográfico, o portavoz do PsdeG anunciou a boa disposición do seu grupo ao acordo. Mais advertiu Leiceaga que este só se producirá se se crea un instrumento parlamentario "que soporte e concrete o pacto". Outras propostas destacadas polos socialistas teñen que ver co combate á crise económica, suxerindo políticas activas de emprego que incentiven a contratación de mozos e parados de longa duración e o apoio ás 49 mil familias que teñen todos os seus membros desempregados. Ademais reclaman a licitación de obra pública por valor de 1.300 millóns de euros e a inxección de liquidez dirixida a pemes e autónomos.

    O BNG achega 325 propostas "para saír da parálise"
    A viceportavoz do BNG, Ana Pontón, expuxo na mañá deste mércores o resumo das 325 propostas de resolución que o seu grupo defende na clausura deste Debate do Estado da Nación. Un conxunto de puntos cos que os nacionalistas priorizan as ideas para "saír da parálise" na que consideran que Galiza estivo afundida durante o último ano. "O Goberno permaneceu de brazos caídos", laiouse a deputada nacionalista, convidando a atopar puntos de encontro sobre políticas sociais, autogoberno e lingua.

    No que lle toca á reactivación económica, o BNG insiste na súa aposta por unha banca pública, chanzo cara ao cal recupera a demanda da creación dun Instituto Galego de Crédito que apoie as pemes do país. A aposta por políticas de emprego, o combate do veto a Navantia, a axuda ao sector leiteiro, o impulso do Banco de Terras ou a reclamación dun plan estratéxico en favor do sector mexilloeiro e marisqueiro son outras achegas do Bloque. No que lle toca ás entidades financeiras, o Bloque entende que é necesario presentar xa un recurso contra o Fondo de Reestruturación (FROB) para poder aplicar a lei galega de caixas.

    Segundo explicou Pontón, o BNG tamén esixe a posta en marcha de máis escolas infantís e centros de día, a recuperación do anterior modelo de gratuidade dos libros de texto, medidas que alixeiren as listas de espera e o freo da privatización dos centros sanitarios. A petición da retirada do anteproxecto sobre o decreto da lingua no ensino e a solicitude dunha comisión parlamentaria sobre autogoberno son outras propostas do BNG.

    Propostas de resolución e documentación do debate na web do Parlamento


    5/5 (1 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: