Os nacionalistas acusan o Goberno de usurpar as funcións da cámara e censuran que enviase a Madrid unha proposta alternativa.
"É politicamente impresentábel que o Goberno usurpe as funcións do Parlamento e envíe a Madrid textos alternativos aos artigos da Lei de Caixas aprobada por maioría”. Así responde o BNG á decisión da Xunta de presentar ante o executivo estatal unha proposta alternativa para os cinco puntos da norma cuestionados. Ademais, os nacionalistas avisan de que non avalarán “ningún recorte substancial” que vaia encamiñado a impedir a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou que este tema “está chegando a extremos esperpénticos” e advertiu de que “as formas en democracia son fundamentais”. “A división de poderes está saltando polos aires”, asegurou ao tempo que “non é presentábel ver a dous Executivos negociando unha lei promulgada polo Lexislativo”.
Finalmente, os nacionalistas acusan a Núñez Feijoo de “cometer un erro ao embarcarse nunha negociación que nunca debeu ter lugar”. Lamentan que a Xunta estea a actuar politicamente como se o goberno central fose “o árbitro da Constitución”, cando “non o é en absoluto”. Piden ao presidente da Xunta que “deixe de dar voltas por camiños colaterais”, que dea por pechadas as negociacións e que “demande dunha vez” un encontro con Rodríguez Zapatero para exixirlle a retirada do recurso de inconstitucionalidade.