A Editorial Galaxia anuncia que publicará nos vindeiros meses unha nova edición da obra de Blanco Amor na que se recuperan fragmentos censurados polo franquismo.
Entre os estudosos da nosa literatura hai unha opinión indiscutíbel: 'A Esmorga' é unha das mellores novelas escritas en lingua galega. Mais a obra que Eduardo Blanco Amor quixo publicar no seu día non é exactamente a que coñecemos como lectores. Esta é a conclusión á que chegou o profesor Xosé Manuel Dasilva.
Segundo as investigacións deste docente da Universidade de Vigo, Blanco Amor ecribiu a novela entre maio e outubro de 1955 e intentouna publicar en 1956 na Editorial Galaxia. A censura opúxose á saída da obra tal e como estaba escrita xa que o falanxista Miguel Piernavieja del Pozo ditaminou nun informe que se empregaba unha linguaxe impropia. Diante disto, o escritor deu luz verde para que a novela saíse publicada en 1959 en Bos Aires.
A finais dos anos 60 Blanco Amor intentou publicar de novo 'A Esmorga' en Galiza. Primeiro con Edicións Castrelos (onde non houbo acordo) e finalmente en Galaxia que sacou á venda a obra en 1970, aínda que con algunhas pasaxes consideradas ofensivas para a Garda Civil que foron censuradas polas autoridades franquistas. Anos máis tarde, coa chegada da democracia, a editorial viguesa recuperaría o auténtico final da novela.
Mais o profesor Dasilva logrou exhumar o expediente de censura d'A Esmorga comprobou que faltaban fragmentos por restaurar, todos eles localizados no capítulo cinco e que teñen unha importancia decisiva para o desenlace da obra. Agora, Galaxia anuncia a publicación do texto completo antes de que remate o ano.