Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Resposta dos grupos Ecoloxistas ao Presidente de SOGAMA

Nin Redución, nin Reutilización, nin Reciclaxe: súa solución so é a INCINERACIÓN

Despois das declaracións do Presidente de SOGAMA (Luis Lama Novo) este fin de Semana, na que a única solución para os residuos en Galiza, e as outras solucións non teñen importancia e son secundarias, foron detonante para os principais grupos ecoloxistas se motivaran a respostarlle (FEG e Amigos da Terra, ADEGA, Verdegaia).

Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Amigos da Terra, ADEGA, Verdegaia - 11:42 02/03/2010
Tags:

(FEG e Amigos da Terra) A INCINERACIÓN NON É A SOLUCIÓN AO PROBLEMA DO LIXO 

Ante as declaracións do presidente de SOGAMA sobre os planos de incineración e o seu rexeite pola reciclaxe e a compostaxe, Amigos da Terra e a FEG queremos aclarar os seguintes puntos:

1- SOGAMA non freou a xeración de lixo: O modelo SOGAMA supuxo un investimento moi grande en infraestruturas e unha nula aposta pola prevención. O resultado é que Galicia pasou nos últimos anos de xerar 800.000 a xerar máis dun millón de toneladas de lixo cada ano.

2- SOGAMA case non recupera materiais para a reciclaxe: Datos da propia Xunta de Galicia indican que só un 2% do lixo tratado no modelo SOGAMA é recuperado. O resto vértese na Areosa ou incinérase.

3- SOGAMA incinera residuos recicables: Sogama incinera integramente a bolsa negra, formada na súa maior parte de materia orgánica compostable, un residuo que, recollido selectivamente, serve para elaborar compost.

4- SOGAMA non é valorización enerxética: A incineración de residuos en Galicia, segundo a Directiva 2008/98/CE non pode ser considerada valorización enerxética. O balanzo enerxético da incineradora SOGAMA (considerando os consumos de gas e electricidade da planta) é negativo .

5- A incineración é perigosa para o ambiente: SOGAMA, polas súas emisións de CO2 e outros compostos, constitúe a sexta principal fonte de cambio climático en Galicia. Alén, incinerar lixo xera residuos sólidos tóxicos e perigosos.

6- SOGAMA cobra por tratamentos que non fai: SOGAMA cobra 51 € por cada unha do millón de toneladas que recibe ao ano. Porén, soamente a metade dese lixo é realmente tratado. A outra metade mándase a un macrovertedoiro sen tratar, un grande negocio!

Logo de case unha década de funcionamento, as estatísticas da propia Administración amosan que o modelo de incineración é un fracaso, mesmo incumpre os obxectivos marcados pola UE. A redución debe ser a prioridade do noso modelo de xestión, non conseguiremos frear o problema do crecemento progresivo do lixo se non freamos inmediatamente este crecemento".

Desde Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega, alertamos do erro no que incorre o  Presidente de Sogama: a UE obrígalle a que se reduza, se reutilice e se recicle (e tamén que se composte) o lixo e logo, se sobra algo diso, permite a súa incineración. A xestión centralizada e cimentada sobre a valorización enerxética impulsada nos últimos 15 anos foi o maior dos erros cometidos na política de residuos. Recuperar a vía da incineración supón dar un paso atrás e reincidir nos erros do pasado.

(ADEGA) A Xunta persiste no erro de SOGAMA: a quen beneficia a incineración dos residuos?

Atendendo ás recentes declaracións perpetradas polo presidente de SOGAMA, Sr. Lamas, confírmanse as peores previsións: a incineración seguirá a ser o piar fundamental do novo Plano de Residuos Urbanos, e a Xunta duplicará o erro histórico que convertíu a SOGAMA nun inmenso "buraco negro" contaminante e devorador de inxentes cantidades de cartos públicos. As demagóxicas palabras do Sr. Lamas, máis propias dun "bombeiro pirómano" que dun responsábel público, evidencian alén da súa ignorancia unha irracional fuxida cara adiante na xestión dos RSUs, ignorando as directivas europeas e colidindo coa lei estatal de residuos. Tanto ten: o que cómpre é aumentar a débeda dos concellos con SOGAMA e engordar as contas de GN-Unión Fenosa, que verá duplicado o seu negocio cunha nova incineradora no sur de Galiza.

A Directiva Europea de Residuos 2008/98, determina as seguintes prioridades para a xestion do lixo: a opción prioritaria é a prevención e a redución tanto do volume como da perigosidade dos residuos, logo a reutilización e a reciclaxe e por último a valorización enerxética e a eliminación. Neste ultimo chanzo é onde está situada SOGAMA e onde quere a Xunta do PP situar xestión dos residuos urbanos na Galiza.
 
Indo aos números, o fracasado modelo SOGAMA amosa uns resultados de valorización material porcentualmente similares aos dun vertedoiro e máis propios dun país subsahariano. Esta baixa eficiencia fai que a incineración só poida ser considerada como unha opción de eliminación, equiparábel ao vertido. Cando o Sr. Lamas compara a situación galega coa de Austria, cunha taxa de compostaxe superior ao 40% (e sen contar as demáis fraccións como o vidro, papel-cartón, etc.) esquece que en Galiza, SOGAMA composta un 0%. Estas demagóxicas declaracións amosan un preocupante descoñecemento e soberbia impropias dun responsábel público. Con estes números, con quen tería que comparar o Sr. Lamas a situación galega é con países como Zimbabwe !!

Duplicar a incineración de SOGAMA equivale a asumir a inoperancia da administración para deter o continuo incremento na produción de lixo. Actualmente a planta de Cerceda está saturada e recibe unhas 900.000 Tm anuais, tendo capacidade só para 350.000 Tm. A ampliación cara o sur é como agrandar o buraco negro para seguir engulindo máis lixo: unha fuxida cara adiante para continuar mercadeando cos residuos, enriquecendo ás eléctricas e baleirando as arcas dos concellos. Como é que no se quere facer nada pola redución e por tentar deter o continuo incremento da xeración de lixo, primeira prioridade dunha política de xestión de residuos? Cada ano a produción aumenta un 4,76% e de seguirmos así, no 2017 a producción de lixo en Galiza atinxirá case os dous millons de toneladas anuais. Cantas incineradoras e cantos vertedoiros precisariamos para daquela?

Os dados expostos, tirados da propia administración e que integran o  Informe RECOLLIDA SELECTIVA 2008 (570 KB) de ADEGA revelan a absoluta incapacidade do modelo SOGAMA para a reciclar os residuos a pesar das enormes cantidades de diñeiro necesarias para manter o sistema. As plantas de compostaxe, a pesar do boicot político e institucional ao que foron sometidas durante a era Fraga, acadan taxas de reciclaxe e eficiencia moi superiores, cun investimento moito máis reducido. SOGAMA é un modelo fracasado dende o seu inicio, o que continuamente confirman os datos oficiais.
 
A administración debería aprender dos erros pasados, facer propósito de enmenda e cumprir leis e directivas europeas que priorizan a reducción, a reutilización e a reciclaxe, e establecen unha xerarquía no tratamento de residuos que prima a compostaxe, situando no último chanzo a incineración e o vertido.

O modelo SOGAMA condúcenos cara a insustentabilidade ambiental e o desbaldimento económico. A pregunta é: quen se beneficia desta ruina económica e ecolóxica?


Verdegaia di non á incineraciónde residuos

EN RESPOSTA ÁS DECLARACIÓNS DO PRESIDENTE DE SOGAMA
A xestión dos residuos estase a converter nun problema máis complexo a cada paso. Non hai máis que ver as declaracións ao Faro de Vigo , emitidas por Luís Lamas, o actual Presidente de Sogama. E dicimos complexo, non só polo problema do seu aumento lineal que parte do modelo de consumo ilimitado no que se atopa inmersa a sociedade galega, senón polo alto grao de caos con que contan as respostas de Luís Lamas para a xestión do lixo.

Desmontemos:
Non á incineración:
As persoas ecoloxistas que estamos en contra da incineración primeiro, somos moitas máis que catro e segundo, coñecemos alternativas viables para a xestión de residuos podemos aclarar a través das súas declaracións:
Sobre compararnos con outros países: hai que ter moi en conta, á hora de deseñar un modelo de xestión de lixo, á realidade territorial e de distribución poboacional, polo que o modelo a aplicar en Galicia debe ser específico desta rexión, tendo en conta as súas especificidades. O modelo copiar e pegar está lonxe de ser eficaz neste caso.
 
Sobre a baixa eficacia da compostaxe para grandes volumes de residuos. O modelo polo que se aboga desde Verdegaia é descentralizado, polo que non se falarían de grandes volumes, senón que habería que adaptar a xestión en función da realidade de cada territorio.
 
Sobre o aforro en transporte. Novamente, se en lugar de seguir apostando por un modelo de xestión centralizada nun país cun nivel de dispersión poboacional enorme, se tiveran en conta experiencias a pequena escala, o nivel de aforro en transporte (e en emisións de GEI), si sería unha realidade.
 
En canto a que a maioría do compost remata nos vertedoiros. Hai moitos tipos de compost en relación coa súa calidade final. Se falamos de autocompostaxe, na maioría dos casos, a calidade final é tal que compost pode asimilarse ó tipo ecolóxico.

En referencia ó cheiro do compost. Un proceso de compotaxe (aerobio), que se realice en condicións axeitadas non provoca malos cheiros. De tódolos xeitos, non consideramos apropiado comparalo cos fumes desprendidos por unha incineradora de lixo, xa que neste último caso, estase a falar de fumo que se podería calificar como tóxico.
En canto ás compras en bandexas de poliespán. Existen moitas formas de consumir. Unha delas é a aposta polo mercado local e xusto, no que as bandexas de poliespán están totalmente descartadas. En todo caso, en Galicia as tasas de reciclaxe están no 2%, algo insignificante; pular pola minimización e a redución é algo que parece que ó presidente de Sogama se lle escapa.
 
En referencia ó canon. Sogama só está a incinerar a metade do lixo que recibe, polo que a metade dos 51 € por tonelada que pagan os concellos non está sendo utilizado para o fin co que se percibe.

Si á Redución de Residuos:
Non só non pretende, esta nova andaína de Sogama, diminuír a cantidade de lixo incinerado, tal e como se establece polas pautas europeas sobre xestión de residuos, senón que apunta a crear novas instalacións para este fin.
Señor Lamas: a xerarquía para a xestión de residuos fala de Reducir-Reutilizar-Reciclar, sendo a incineración unha opción para os restos que non poidan xestionarse a través dos procesos anteriores. E, en ningún caso, a incineración de residuos en Galicia pode vincularse á valorización enerxética xa que o banlace da incineradora de Sogama é negativo.
Por este motivo convidámolo a revisar as Directrices europeas sobre Residuos, as experiencias existentes sobre xestión sostible, a aposta firme por programas de Educación Ambiental que avoguen pola redución en orixe e a lectura do Documento elaborado polos grupos ecoloxistas galegos A xestión dos RSU en Galiza, propostas para unha xestión preventiva e sustentábel dos Resíduos Sólidos Urbanos, enviado á Consellería de Medio Ambiente no ano 2009 no que coñecerá con maior detalle as nosas ideas e propostas.

Existen alternativas viables, adapatadas a cada territorio, máis xustas e ecolóxicas, coa implicación social como base da política de xestión de residuos, descentralizada e menos contaminantes. Por iso, desde Verdegaia dicimos NON Á INCINERACIÓN DO LIXO, e moito menos á instalación dunha nova incineradora no país e solicitamos o peche de Sogama e unha planificación en materia de residuos seria, sustentable e axeitada á organización territorial galega.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: