Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Iniciativa

O PSdeG pide que os altos cargos publiquen as súas actividades na web

Xosé Manuel Lage asegura que dar a coñecer os rendementos públicos e privados da Xunta e do Parlamento aumentará a "confianza da cidadanía".

Redacción - 18:15 03/03/2010

O parlamentario do PSdeG Xosé Manuel Lage propuxo que os altos cargos da Xunta e os membros do Parlamento "poñan á luz" o rendemento das súas actividades, tanto públicas como privadas, e que se poida acceder a eses datos a través da internet. O voceiro da Área Institucional do grupo socialista presentou unha iniciativa que insta o Goberno a presentar "en dous meses" un proxecto de lei que regule os bens e as actividades dos representantes públicos durante o seu exercicio e nos dous anos posteriores, para coñecer a evolución do seu patrimonio.

Lage Tuñas explicou que "a actividade pública significa estar debaixo do foco", e incidiu que é "voluntaria" e que debe levar consigo "vontade e compromiso" coa transparencia para acadar "a confianza da cidadanía". A proposta trata de "evitar susceptibilidades" e que as "irregularidades dalgúns" non fagan desmerecer a clase política, ao poder detectar se existe "colisión" entre a función pública e os intereses privados.

O parlamentario socialista quixo deixar claro que "non converte todos os cargos públicos en sospeitosos", senón que pretende "liberalos" dese prexuízo e demostrar que quen se dedica á política "non ten por obxecto o enriquecemento persoal". Tamén concluíu que é unha "proposición construtiva" e que pretende a "rexeneración democrática" e "maior transparencia".

Lage lembrou que o Tribunal Constitucional sentenciou que a publicación dos bens dos altos cargos non colide co dereito á intimidade e que a Xunta "non cumpre" a normativa de publicar as actividades dos seus directivos. Así, amosou un documento oficial onde non figura a actividade do conselleiro de Economía, Xavier Guerra, malia ser "un coñecido empresario". Aseguro, ademais, que este sistema está implantado en comunidades autónomas como Castela-A Mancha, Estremadura e Andalucía.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: