Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RESIDUOS

Os ecoloxistas queren que Sogama devolva 25 millóns de euros cobrados por lixo que non chegou a tratar

A FEG e Amigos da Terra propoñen que ese diñeiro se invista en crear un modelo de xestión alternativo.

Redacción - 18:45 03/03/2010

O complexo de tratamento de residuos de Sogama de Cerceda ten capacidade para tratar 500 mil toneladas de residuos cada ano. Porén, a sociedade pública xestiona un volume que sobrepasa as 900 mil. Durante moito tempo, o ente participado pola Xunta e Unión Fenosa desviou o lixo que non era quen de tratar ao polémico vertedoiro da Areosa, tal e como denunciara no seu día este xornal. Sogama conseguía importantes plusvalías cobrándolle aos concellos o mesmo prezo por tonelada tratada coma polas que ían directamente ao depósito cercedense.

O informe do Consello de Contas do ano 2005 era moi claro con esta práctica: “o vertido controlado de importantes e crecentes cantidades de lixo (a última das opcións de tratamento) é o que está a equilibrar as contas da sociedade”. Agora os colectivos Federación Ecoloxista Galega e Amigos da Terra piden que a sociedade pública devolva máis de 25 millóns de euros xerados con esta práctica entre 2004 e 2008.

Os ecoloxistas propoñen que este diñeiro se invista en programas educativos de redución de residuos, no fomento dos sistemas de retorno de envases, en sistemas de recollida selectiva de materia orgánica e na creación de plantas comarcais de compostaxe.

O vertedoiro da Areosa: entre o disparate ambiental e os xulgados

Nos montes cercedenses da Areosa atópase un dos maiores vertedoiros de residuos do Estado Español. Aínda que ninguén sabe exactamente a cantidade, estímase que o lixo acumulado neste depósito pode superar con creces as tres millóns de toneladas. O vertedoiro comezou a construirse a finais dos anos 90. Nun principio foi deseñado como depósito de apoio para posíbeis problemas puntuais e rexeites da incineradora que comezou a funcionar no mesmo municipio en 2001.

A polémica chegou axiña. Entre 2001 e 2004 houbo polo menos constancia de tres graves vertidos ao río Lengüelle. A chegada do bipartito á Xunta en 2005 non rematou co problema ambiental que supón este vertedoiro. En outubro de 2008 un gran vertido causou a morte de numerosas troitas no cauce fluvial. A poucos meses das eleccións, o PPdeG aproveitou o sucedido para cargar contra Sogama e, por extensión, contra o executivo de Touriño. Un xulgado da Coruña abriu unha investigación e acabou imputando por un posíbel delito ecolóxico a sete directivos da empresa Danigal (empresa privada que xestionaba por concesión o vertedoiro) e a un alto técnico de Sogama.

A guerra estaba servida. En xaneiro de 2009, o daquela presidente de Sogama, Xosé Álvarez, despedía a dous altos cargos da área técnica, aos que acusaba de manipular analíticas de vertidos ao Lengüelle, e remitía o caso á Fiscalía. A día de hoxe, á Areosa seguen a chegar centos de toneladas de lixo cada día. Os partidos políticos coinciden en que o vertedoiro da Areosa non pode seguir sendo a alfombra onde se agochan os problemas. O bipartito tiña previsto crear novas plantas que aliviasen a situación da incineradora de Cerceda. O PPdeG tamén recoñece que son necesarias medidas urxentes.

A pelota está no tellado da Consellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas ten a última palabra. Antes de xuño, o departamento que dirixe Agustín Hernández prometeu desvelar se ampliaría a incineradora de Cerceda ou se se crearía outra no sur do país, opción que a día de hoxe semella máis probábel.

Pola súa parte, os colectivos ecoloxistas insisten en que calquera plan de futuro ten que contemplar a eliminación da queima de residuos. Para este movemento a alternativa é a creación de plantas comarcais de compostaxe.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: