A escritora d'A Veiga verá publicada a súa novela erótica en Edicións Positivas o próximo mes de maio.
Eva Moreda
A mestría narrativa da novela, a atractiva relación da música co erotismo, e as "emocionantes e poéticas historias das súas protagonistas", foron cualidades valoradas polo xurado para a escolla de 'Organoloxía' como obra gañadora desta edición do premio Narrativas Quentes.
O argumento xira arredor dun conservatorio en cuxo interior quedan accidentalmente pechadas seis profesoras: Caro (piano), Alicia (música antiga), Xandra (saxo), Vic (música de cámara), Enma (canto) e Carmela (gaita e pandeireta). Véndose obrigadas a pasar xuntas a noite, aproveitan o tempo para conversar das súas experiencias eróticas, todas elas vencelladas ao traballo musical e os instrumentos no que son expertas.
Eva Moreda, nada n'A Veiga, é licenciada en Filoloxía clásica e Musicoloxía. Cursou estudios de posgrao de Xornalismo. Actualmente prepara a tese de doutoramento en Historia da Música na Universidade de Londres. É autora de diversa obra dispersa en distintas publicacións, tanto narrativa como poética. Até o de agora publicara Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota (1997. Fundación Caixa Galicia); O demos e o profundo mar azul (2003. Edicións Positivas) e O país das bestas (2009. Biblos Clube de Lectores).
Convocado de xeito bianual, este premio de narrativa erótica foi gañado na súa primeira edición, en 2002, por Manuel Lourenzo, coa obra 'Infidelicidades'. Posteriormente os premiados foron Alberte Momán, con 'O Lobo da xente', e Chelo Suárez, por 'Os Milagres de Cristamar'. En 2006 o premio foi declarado deserto.