Manuel Vázquez lembra a Feijoo que "os Gobernos non fan fusións" de caixas e di que "sorprende" velo "disfrazado de nacionalista financeiro".
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, asegurou que o seu partido "manexa datos" que indican que a "confianza nos alcaldes (socialistas) das grandes cidades está moi asentada" e augurou que "practicamente" repetirán os mesmos candidatos de cara ás municipais.
Nunha entrevista concedida a RNE este domingo, o líder do PSdeG "avisou" este domingo o PPdeG de que os socialistas "gañarán a Deputación de Ourense", obtendo "un dos mellores resultados de Galiza" nas municipais, e que en Pontevedra os 'populares' ficarán "ben abafados".
Ano de Goberno
Sobre o primeiro ano de Goberno de Alberto Núñez Feijoo, que se cumpre este luns, Manuel Vázquez afirmou que "os galegos non poden celebrar grandes fastos" logo de recordar as cifras do paro, as listas de espera sanitarias e cuestións como o decreto do galego ou a anulación do Plan Eólico.
"A principal carencia" de Feijoo é "que é un home de palabras grandilocuentes e ten a casa sen varrer", explicou Vázquez, ao tempo que afirmou que o "único ben" que fixo o presidente da Xunta foi "o grande acordo de investimento co Ministerio de Fomento" xa que, sinalou, "o resto do ano foi de demolición das políticas sociais".
Fusión das Caixas
Sobre o discurso de Feijoo sobre a fusión de caixas, Manuel Vázquez afirmou que "sorprende" velo "disfrazado de nacionalista financeiro" ao tempo que considerou "coherente" a postura mostrada nesta cuestión polo BNG.
Sobre a lei, considerouna "feita á medida para se facer co Consello de Administración e coa Asemblea de Caixanova", ao tempo que recordou ao presidente da Xunta "que os Gobernos non fan nin propoñen fusións, as que as fan son as asembleas das caixas".
Novo Estatuto
Paralelamente, o secretario xeral do PSdeG considerou o PP "responsábel sen ningún tipo de dúbidas" de que Galiza non conte cun novo estatuto de autonomía "por ordes de Génova (dirección do PP a nivel estatal)".
Con esta cuestión de fondo, Vázquez considerou que o PPdeG "non quere a Galiza", xa que "se quixese a este país" aprobaría o documento. "Os dez mandamentos de Galiza chámanse Estatuto", sentenciou.
Decreto do galego
Tamén criticou a reforma do decreto do galego, cualificando de "inédito" que "o principal inimigo do galego sexa o presidente da Xunta". "Primeiro cáenlle as bágoas diante do Panteón de Galegos Ilustres, mais seca as bágoas e o primeiro que fai é asinar un decreto contra o galego", apuntou.