Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Ciencias sociais

Pilar García Negro gaña o Vicente Risco cun ensaio que afonda no "feminismo radical" de Rosalía de Castro

'O clamor da rebeldía' evidencia que a poeta é "a primeira feminista da nación galega", con reivindicacións "aínda non superadas".

Redacción - 18:35 27/02/2010
Pilar García Negro

Pilar García Negro

O xurado do XV Premio Vicente Risco acordou este sábado por "unanimidade" conceder a Pilar García Negro o galardón dotado con seis mil euros e a publicación da obra por Sotelo Blanco Edicións polo seu ensaio sobre a figura de Rosalía de Castro: O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia do xénero rosaliano.

Na súa obra, a profesora universitaria nacida en Lugo e residente na Coruña, afonda no "feminismo radical" da poeta, no sentido de "privilexiar" a mirada sobre o mundo "desde unha óptica feminina". A súa dedicación á figura de Rosalía, sinalou, "vén de hai moito tempo" a través de diversas publicacións que realizou sobre a ilustre escritora, polo que este premio significa "un elo da mesma cadea" logo de "máis de 30 anos" de traballo.

García Negro, que foi deputada do BNG no Parlamento entre 1989 e 2003, defendeu no seu traballo dúas teses en que afirma que Rosalía de Castro foi a inauguradora do ensaio na literatura galega contemporánea a través dos dous prólogos de Cantares Gallegos e Follas Novas. Xunto a isto, definiu a Rosalía como a primeira escritora defensora da conciencia de xénero en Galiza, "a primeira feminista da nación galega".

Deste xeito, o xurado valorou a "gran madurez" do traballo en que demostra que Rosalía "soubo reivindicar a lingua galega e tamén a dignidade dos galegos como pobo". Ademais, García Negro mostrouse "moi satisfeita" de recibir este premio nun ano "rosaliano" cando se cumpre o 125º cabodano da súa morte, que se produciu o 15 de xullo de 1885.

"Pozo sen fondo"
Neste senso, García Negro sinalou a figura da autora compostelá como "un pozo sen fondo" e "unha canteira inesgotábel", ao que engadiu que dela "se descoñecen moitas cousas", que "non están debidamente socializadas". A isto, engadiu que "moitísimas" das reivindicacións que Rosalía fixo "non están superadas en absoluto".

"Rosalía de Castro é un gran clásico, e como dixo Italo Calvino, os clásicos caracterízanse por ser sempre obxecto de novas interpretacións", recalcou a gañadora do XV Premio Vicente Risco.

No concurso participaron seis obras e o xurado estivo composto polos membros da Fundación Vicente Risco Xosé María Eguileta e Luís Martínez-Risco; Fernando Acuña, en representación do Concello de Castro Caldelas; Teresa Devesa, en representación do Concello de Allariz; e o membro da Fundación Sotelo Blanco Francisco Fernández Rei.


4,31/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: