CIG-Ensino exixirá que non só se manteña senón que se amplíe o uso da lingua á totalidade das probas de acceso, para garantir a competencia do profesorado.
CIG-Ensino anunciou que reclamará na Mesa Sectorial que as probas de acceso á función docente se realicen en galego. O sindicato denunciou, ademais, que Educación suprimiu o requisito de presentación da programación no noso idioma.
Segundo constatou CIG-Ensino, na convocatoria de acceso ao Corpo de Profesorado de Ensino Secundario suprimiuse a realización en galego da única parte en que era obrigatorio, aínda que se mantén no acceso ao Corpo de Mestres. Esa parte, a presentación e defensa da programación didáctica, non supón máis dun terzo da proba de acceso.
Segundo o sindicato, esta decisión correspóndese co talante antigalego do goberno do PPdeG, polo que anunciou que reclamará na Mesa Sectorial deste xoves que se manteña esa parte da proba no noso idioma, senón que tamén se amplíe o requisito, como único xeito de garantir o uso do galego no ensino.
CIG-Ensino considera inadmisíbel que se suprima esa proba, dado que o decreto en vigor prevé que determinadas materias se impartan en galego e outras poidan ser impartidas, polo que o profesorado de calquera especialidade pode ter que dar as súas clases na lingua do país. Tamén asegura que a proposta da consellaría pode poñer en cuestión o exercicio dos dereitos lingüísticos do alumnado e facer inviábeis os proxectos dos centros sobre o uso da lingua, ao non garantir a competencia nas probas de acceso.