Dous representantes do sindicato transmitiron a súa preocupación pola privatización do ensino e pola continuidade da xubilación anticipada do profesorado.
Correa, Louzao e Gabilondo
A CIG-Ensino mantivo este luns unha xuntanza co ministro de Educación, Ángel Gabilondo, para transmitirlle as cuestións que lle preocupan ao profesorado galego e que considera son precisas para mellorar o sistema educativo. O sindicato estivo representado polo seu secretario nacional, Anxo Louzao, e mais o secretario de relacións institucionais, Duarte Correa.
CIG-Ensino amosou o seu rexeitamento a moitos dos aspectos que recolle o actual Pacto Educativo, que cualifica de acordo exclusivo entre PP e PSOE e unha concesión á patronal do ensino concertado, vinculado á igrexa católica. Tamén expresou a preocupación por que o ensino poida aumentar o seu nivel de privatización, coa ampliación de contratos educativos e un Estado máis centralista. O sindicato tamén criticou que o texto non achegue solucións contra o fracaso escolar nin recoñeza a profesión docente.
Unha das principais reivindicacións trasladadas por Louzao e Correa foi o dereito indefinido á xubilación anticipada do profesorado que, segundo a lexislación actual, debe ser renegociado antes de 2011. O ministro amosouse disposto a dialogar o mantemento dese dereito. CIG-Ensino tamén expresou a súa preocupación pola posibilidade de que o futuro Estatuto Básico da Función Docente invada competencias asumidas por Galiza e que supoña unha maior estratificación do profesorado.
Neste senso, CIG-Ensino resumiu as súas reivindicacións en sete puntos: defender o ensino público, recoñecer a realidade plurinacional e plurinlingüística do estado, aumentar o investimento en Educación até o 7% do PIB, actuar contra o fracaso e o abandono escolar, apostar pola participación do profesorado, que a relixión deixe de formar parte do currículo e que calquera pacto inclúa xubilación anticipada, redución da xornada para maiores de 55 anos e formación preferente.
Ángel Gabilondo amosouse disposto a modificar aspectos da proposta de pacto, que presentará o xoves perante as Comunidades Autónomas, como non condicionar ningún acordo á necesidade de ser subscrito polo PP. Tamén foi receptivo ás reducións das ratios, especialmente as referidas a alumnado con necesidades especiais, e manifestou a súa comprensión pola preocupación espertada ao posíbel recorte do marco galego de negociación.