Luís Tosar, María Castro, Martiño Rivas, Susana Seivane, Antón Reixa, Isabel Risco, Carlos Ares e Belén Regueira, protagonistas dunha campaña en favor da lingua. Vídeos no interior.
"Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego". Este é o lema da campaña impulsada pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), que bota a andar este mesmo luns. O recente gañador, por terceira vez, dun premio Goya, o actor Luís Tosar, é un dos persoeiros que presta a súa imaxe e a súa voz en favor da lingua a través de dous vídeos que se difundirán en todo o país, especialmente entre a comunidade educativa. Participan tamén as actrices María Castro e Isabel Risco, o actor Martiño Rivas, o produtor audiovisual Antón Reixa, o guionista Carlos Ares, a gaiteira Susana Seivane e a xornalista Belén Regueira.
Este ambicioso proxecto da CGENDL é unha das iniciativas que o colectivo botará adiante como parte da súa campaña de sensibilización dirixida á comunidade escolar. Tal e como explicaban para Vieiros o pasado mes de novembro, á volta da primeira asemblea da asociación, pretenden "combater os prexuízos" ao respecto da lingua e favorecer que o alumnado "sinta fachenda" de falar galego.
A que hora e con que roupa?
Á presentación desta campaña, que tivo lugar este luns non hotel compostelán, acudiron Antón Reixa, Susana Seivane, Carlos Ares e Isabel Risco. Os catro valoraron a iniciativa e agradeceron á Coordinadora a oportunidade de "sentírmonos útiles e poder facer cousas a prol do que pensamos".
Antón Reixa subliñou a súa oposición ao Decreto do ensino, que cualificou como "unha volta atrás" e apostou polo traballo feito durante todos estes anos: "temos moito avanzado grazas a labor de persoas como as que traballan nos equipos de normalización", dixo. Carlos Ares reiterou a súa disposición a colaborar en iniciativas en defensa do noso idioma apelando á frase do actor Dean Martin, "quen cando recibía un bo guión só dicía: A que hora e con que roupa?, o mesmo dixen eu".
Susana Seivane subliñou a necesidade de defender a nosa fala que considerou "lonxe de estar en perigo de extinción" e recordou que, malia nacer en Barcelona ou ter nai andaluza, "falar galego e defendelo é unha cuestión natural". Finalmente, Isabel Risco destacou que "o galego non é algo pechado, senón que nos podemos expandir, e comprendérmonos en todo o mundo".
Vídeo da campaña: Orgullos@s do galego
Vídeo ca campaña: En galego, proba e verás
Vídeo: Presentación da campaña. Falan: Carlos Ares, Isabel Risco, Susana Seivane e Antón Reixa