Así o expón Rufi Etxeberria nunha entrevista en Berria.
Asemblea da esquerda abertzale en Bizkaia
"Para levar a cabo ese proceso democrático, dise que debe facerse sen violencia, cando dicimos iso, queremos dicir sen ningún tipo de violencia", reflexiona o histórico membro da esquerda abertzale Rufi Etxebarria en conversa co diario en éuscar, Berria. "Isto é, sen a actividade armada da ETA e sen violencia nin inxerencias do Estado", subliña Etxeberria. "Definimos unhas condicións concretas e como entre esas condicións propoñemos que o proceso debe realizarse sen violencia, o que propoñemos inclúe que sexa sen actividade armada da ETA", engade.
Etxeberria engádelle así claridade ao documento interno que as bases debateron os últimos meses e cuxo borrador final se facía público esta mesma semana baixo o título Zutik Euskal Herria, 'De pé, Euskal Herria). O texto debuxa a estratexia política do contorno de Batasuna para os próximos meses e fai referencia a "un cambio político verdadeiro" a través do uso de "vías exclusivamente políticas" e a prol do avance dun proceso "en ausencia total de violencia". A ausencia nese texto de referencias explícitas á ETA é cuberta agora coas declaracións deste histórico de Batasuna.
Etxeberria acumula unha longa traxectoria de traballo político na esquerda abertzale. En 1997 foi un dos membros da Mesa Nacional de Herri Batasuna encarcerados e pasou en novas ocasións pola cárcere debido á súa actividade política. Entre outros, tamén sufriu do proceso aberto contra Ibarretxe polas xuntanzas logo do último cesamento de fogo da ETA. Considérase que é unha das voces clave da declaración de Lizarra que favoreceu o cesamento de fogo da ETA de 1998. Foi detido en Donostia o pasado outubro xunto con Arnaldo Otegi e Rafa Díez Usabiaga e posto en liberdade posteriormente.
Para ampliar: