O Sindicato Labrego Galego rexistra a adhesión de tres concellos máis (Barbadás, Cenlle e Castro Caldelas) á exixencia de medidas contra a epidemia forestal.
Dende a última primavera leva o Sindicato Labrego Galego (SLG) exixindo medidas activas por parte da Xunta de Galiza para loitar contra a praga de pulguiña que está a afectar gravemente os carballos, fundamentalmente nas provincias de Lugo e Ourense.
Ante a falta de resposta, a central sindical elaborou unha Declaración e Solicitudes sobre a Praga de Pulguiña do Carballos, á que xa se adheriron unhas 20 entidades, entre organizacións ecoloxistas e concellos. Barbadás, Cenlle e Castro Caldelas foron os últimos municipios en sumarse á iniciativa, que pide que Medio Rural acometa “traballos de prevención” ante a praga que, con toda probabilidade, terá as súas peores consecuencias no período estival.
A orixe desta praga remóntase até hai dez anos, cando se iniciaron os ataques dun coleóptero defoliador, o chamado altica quercetorum, que come as follas dos carballos e provoca a súa seca, ao non poder facer a fotosíntese. As súas larvas destrúen os carballos, principalmente no sur da provincia de Lugo e no norte ourensán. Segundo os datos que manexa o SLG, a proliferación destes insectos é resultado da mudanza climática: os cambios na temperatura traerían canda si un incremento de larvas.
Loita biolóxica, non química
Segundo o SLG as fumigacións que puxo en práctica a Xunta de Galiza realizáronse cun produto químico excluído para estes casos e nunha época non recomendada, ao non ter en conta a bioloxía do insecto. As entidades asinantes da Declaración exixen que os tratamentos estean enmarcados na súa totalidade na loita biolóxica dentro dun control integrado das pragas.
Así, piden a “revisión da presenza da praga da pulguiña do carballo no territorio galego, elaborando, de ser o caso, unha nova orde de declaración da praga na que se inclúan tódolos concellos afectados; que Medio Rural continúe a face-los traballos de prevención e loita contra a praga dentro do control integrado, utilizando métodos de loita biolóxica, evitando os tratamentos químicos; a realización de estudos de campo nas zonas afectadas, de cara á aplicación de métodos sustentables reais e eficaces no tempo; e a actualización periódica da información sobre as enfermidades e pragas forestais, facendo fincapé en que haberán de ser divulgadas dun xeito accesíbel para a cidadanía”.