Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA DIETAS POLÍTICOS

Rodríguez Miranda considera "anecdótico" o cobro irregular de dietas

O portavoz popular recoñece ter viaxado no coche de Baltar malia cobrar un complemento no seu salario por desprazamentos.

Redacción - 18:15 15/02/2010

A polémica polo cobro de dietas dos parlamentarios galegos continúa. Logo de que os socialistas acusasen a Antonio Rodríguez Miranda (PP) de cobrar uns 26 mil euros das arcas públicas por desprazarse dende Ourense até en Santiago mentres facía esas viaxes no coche oficial de Xosé Manuel Baltar Blanco, o debate chegou até a Cámara.

O portavoz popular, Rodríguez Miranda, recoñeceu este luns ter viaxado en ocasións no vehículo oficial do actual presidente do partido en Ourense, se ben o considerou anecdótico: “de certas anécdotas non se debe facer caso xeral”, dixo ao tempo que engadiu que “non merece a pena afondar nese tema”. Miranda asegurou non ter cobrado máis que a cantidade que o Parlamento “asigna automaticamente para sufragar os desprazamentos a todos os deputados”. Así concluíu que “non ten maior importancia que circunstancialmente montase nun coche oficial ou no dun compañeiro porque non podía dispoñer do meu persoal”.

Cruce de acusacións entre PSdeG e PP
Ademais de reducir ao anecdótico o cobro irregular de dietas, o PP tamén acusou nos pasados días ao PSdeG de cometer a mesma fraude. Os populares denunciaron a Mar Barcón (portavoz socialista) e a Laura Seara (ex-deputada tamén socialista) de utilizar artimañas semellantes para cobrar as famosas dietas: a primeira utilizando o coche oficial do Concello da Coruña, onde é edil e a segunda viaxando canda o tamén ourensán e entón conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

O triunfo de Baltar en Ourense, determinante
Se ben a denuncia contra Miranda partiu do PSdeG, algunhas fontes apuntan a que a filtración desta fraude partiu de Ourense, e máis concretamente do entorno de Baltar. O portavoz popular abandonou a lista gañadora no congreso popular ourensán para sumarse á impulsada por Feijoo, a candidatura do alcalde de Verín, Xoán Manuel Jiménez Morán. A filtración sería, pois, unha vinganza por parte do chamado baltarismo.

O suposto enfrontamento entre esta corrente ourensán (tamén chamada “da boina”) e a corrente oficial tamén se puxo de manifesto este luns noutras declaracións do propio Miranda. Ao respecto da polémica sobre os contratos realizados pola Deputación de Ourense durante os días previos ao Congreso dixo que Baltar é “perfectamente capaz de defenderse a si mesmo”. Insistiu en que non se pronuncia sobre “comentarios” relativos a compañeiros seus e engadiu que a propia Deputación xa conta con órganos administrativos “garantes da legalidade” e “responsábeis de facer os pertinentes controis ao respecto”.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: