Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Di ter logrado "a estabilidade orzamentaria"

Feijoo gábase de cadrar contas e pechar buratos en 2009

O PSdeG denuncia que a Xunta deixou de investir 900 millóns en obra pública. O BNG acusa o Goberno de "indolencia" e "pasividade" diante da crise.

Redacción - 18:30 11/02/2010
"A pesar dos buratos cadramos as contas", dixo Feijoo

"A pesar dos buratos cadramos as contas", dixo Feijoo

"A austeridade dá sempre froitos, a priorización das partidas de gastos sempre é esixíbel para calquera xestor público e agora estamos volvendo a iniciar unha senda de rigor presupostario fundamental para saír da crise". Con estas palabras debullaba este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o informe "preliminar" sobre o peche do exercicio 2009, elaborado pola Consellaría de Facenda. Salientou Núñez Feijoo que mentres a media de desviación a nivel estatal é dun 2,2% de déficit sobre o PIB, Galiza "estará cumprindo o obxectivo de estabilidade orzamentaria", é dicir, un déficit inferior ao 1% do PIB.

“A pesar de todas as dificultades, a pesar dos buratos comprobados tanto no presuposto de gastos e no presuposto de ingresos, cadramos as contas e a pesar de todo isto mantemos a estabilidade orzamentaria”, teimou o xefe do Executivo. Deste xeito, insistiu Feijoo en que a análise do seu equipo detectou un "burato en ingresos" de arredor de 600 millóns de euros e "un burato en gastos non presupostados" de arredor de 500 millóns. Entre outros, no primeiro caso referiuse por exemplo a unha sobrevaloración na recadación de impostos indirectos de 189 millóns. E en canto os gastos non orzamentados sinalou a presunta ausencia de 271 millóns de euros na caixa do Sergas ou de 20 millóns no apartado de Xustiza.

O PSdeG esixe un plan de dinamización de obra pública
A publicación do informe da Xunta coincidía no tempo este xoves cunha conferencia de prensa do portavoz de Obras Públicas do grupo parlamentario do PsdeG, Pablo López Vidal, quen avaliou nun total de 900 millóns de euros a cantidade que o Goberno deixou de investir durante 2009 neste eido.

Segundo as contas dos socialistas, o executivo liderado por Núñez Feijoo licitou 536 millóns e adxudicou 153, moi por baixo dos 1.461 fixados nos orzamentos 2009. Para López Vidal, esas cifras son exemplo do "timo do gran xestor" e da "incapacidade e incompetencia" do actual goberno. Na opinión do deputado socialista, é urxente que a Xunta "planifique, programe e execute" un plan de dinamización de obra pública. Do contraria, advirte, o ourensán, parecería que Feijoo "converteu a Xunta de Galicia nunha máquina de produción de parados" freando a actividade económica e a creación de emprego "para diminuír o crecemento económico e tentar de axudar a Rajoy contra o goberno central".

O BNG censura a "pasividade" da Xunta ante a crise
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, estivo este xoves á fronte dunha delegación da executiva do Bloque que se reuniu coa CIG, para avaliar o actual contexto económico e debater liñas de colaboración entre a formación política e a confederación sindical. En conferencia de prensa posterior, Vázquez reprochou que a Xunta "permanece ausente cando a crise e o desemprego son as principais preocupacións dos galegos". Ao tempo, acusou tamén especialmente ao goberno español de demostrar "incapacidade" ou "falta de vontade" para "impoñer regras aos mercados financeiros". "Defendemos un modelo baseado na economía produtiva e non especulativa", propuxo.


De xeito paralelo, o voceiro do Bloque explicou que BNG e CIG "comparten diagnósticos e vías de solución", que pasan pola necesidade de avanzar cara a unha reforma fiscal "en base ao principio de que pague máis quen máis ten", en lugar de seguir con "vías regresivas de recortes de dereitos laborais".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: