Segundo un informe do Consello da Cultura, este sector deixa en Galiza 1.424 millóns de euros, é dicir, o 2,5% da nosa economía.
Roberto Varela e Ramón Villares, antes da presentación /Imaxe: Conchi Paz
Máis que a industria naval ou que o agro galego. O turismo cultural supón un 2,5% do PIB de Galiza, é dicir, de ser un sector estratéxico considerado como tal ocuparía o terceiro lugar entre as fontes de ingresos do país, por detrás do sector enerxético, eléctrico e hidráulico e por detrás do chamado sector primario. Así o desvela un estudo elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) tomando como base datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Visitantes españois
O informe, que recibe o nome de Turismo cultural en Galiza, contabiliza en 550 mil persoas os residentes no Estado Español que nos visitaron por motivos culturais no ano 2008. Ademais, asegura que nos últimos sete anos, o crecemento deste tipo de turista foi de máis do 100% e na súa visita atende, máis que nada, á oferta patrimonial, etnográfica e paisaxística.
Na súa meirande parte, estes visitantes acudiron a estabelecementos hoteleiros de tres, catro e cinco estrelas e optaron, preferentemente, polas provincias de Pontevedra e A Coruña. Cada un deles desembolsaron diariamente unha media de 110 euros e prolongaron a súa estancia durante cinco días. O gasto xerado por este grupo situouse en 613.465 millóns de euros, dos que 218.751 derivan exclusivamente do turismo cultural.
Interese en Portugal
Segundo o CCG, en 2008 chegaron a Galiza por motivos culturais case 500 mil viaxeiros procedentes de fóra do Estado Español. De todos eles, o 81,54% procedía de Portugal.
Neste caso, o perfil do turista responde ó dunha persoa de entre 45 e 64 anos de idade, que se despraza por medio de transporte pesado sen contratar ningún paquete turístico e pasa dúas ou tres noites nalgún estabelecemento hoteleiro.
Importancia do Xacobeo
Dada a influencia do Ano Santo de 2004 no turismo en Galicia, o informe inclúe datos de peregrinacións por entender que hai unha relación estreita entre este tipo de viaxeiro e o turista cultural. Así, constátase que os picos de afluencia de 1993, 1999 e 2004 producen unha tendencia a aumentar as peregrinacións en anos sucesivos e en proporcións maiores. En relación cos datos de turismo cultural, observa tamén un aumento moi importante de peregrinos estranxeiros en datas recentes que mesmo superan aos españois no último dato de referencia.