Os astronautas José Hernández e Soichi Noguchi transmiten texto e fotografías dende a Estación Espacial Internacional a través de Twitter.
A rede social Twitter xa non só permite coñecer ao momento o que acontece en calquera lugar do planeta. Agora podemos coñecer e ver o que acontece na Estación Espacial Internacional grazas a dous dos seus astronautas.
O mexicano José Hernández e o xaponés Soichi Noguchi van contando o que lles acontece e aproveitan para publicar numerosas fotografías en Twitpic, tanto do interior como do exterior da estación, incluíndo panorámicas de diferentes lugares da Terra vistos dende o espazo, nas que se está a especializar o xaponés. Porén, Hernández vaille gañando a partida a Noguchi, con máis de 135 mil seguidores fronte a 60 mil. Ambos os dous alternan cadansúa lingua materna co inglés.