Hai un mal xeralizado na esquerda, que cre que as eleccións se gañan coa imaxe, que pensa que queremos xente guapa gobernando con discursos politicamente correctos. Cada tendencia política do noso país sufre determinados tics que, segundo máis se abusa deles, fanse máis insoportables para os cidadáns.
A dereita tende a pecar de chulería, apegada ao éxito económico e empresarial de gran parte da súa base social, parece vivir nun mundo no que, quen non trunfa, non merece respecto. Sen embargo, a esquerda peca de solidarismo: crea vítimas sociais onde non as hai, carameliza de tal forma o debate político que parece máis cerca da utopía que da realidade, apela de tal forma aos sentimentos que acaba creando a sensación de incapacidade de gobernar en tempos duros: parece que só saiba repartir caramelos. Os nacionalismos temos tamén pecados orixinais que con demasiada frecuencia nos negamos a tratar ante a evidencia do noso escaso peso político, pensando que a reflexión nos esmorece e agranda aos que nos critican. Entre todas estas tendencias, hai demasiados necios que pensan que teñen a razón, e que a súa razón é a única razón. Para eles faría falta unha pronta xubilación anticipada.
Gobernar é tomar decisións con recursos escasos, e canto máis cerca se está dos lugares públicos, máis clara se ve a voracidade coa que consumimos os cartos de todos. Constátase a enorme dificultade de saber elixir cales son os destinos máis atinados para uns recursos públicos sempre escasos para as crecentes necesidades sociais que xeran as nosas sociedades opulentas. Creamos un sinfín de dereitos que precisan dunha cobertura económica que demasiadas veces está menos garantida do que os nosos gobernantes lle contan á prensa. O delirio económico que nos caracterizou nos pasados anos, nos que parecía haber cartos para gastar a esgalla, rematou. Necesitamos priorizar, pero ademais todos debemos traballar para saír adiante, incluso os que teñen traballo, fundamentalmente eses. Un discurso obstinadamente optimista, en vez de xerar confianza, asfalta o camiño para os especialistas en reformas, para os que non necesitan pedir perdón cando se trata de sacar as tesoiras para recortar. Cada político ten que buscar a súa lexitimidade no que fai, non no que di, nin no que promete.