CIG, CCOO e UXT anuncian concentracións e unha folga se a empresa, especializada en transformacións metálicas, non retira o expediente.
O comité de empresa de Gamelsa, empresa pertencente ao grupo Televés. Anunciou a posta en marcha de concentracións e dunha folga a vindeira semana se a compañía non retira o Expediente de Regulación de Emprego previsto para 26 traballadores. Os representantes dos traballadores cualificaron o ERE de "fraudulento e escandaloso".
CIG, CCOO e UXT resaltaron este martes que non ven "motivos económicos nin produtivos" alegados pola empresa, aínda que se amosaron dispostos a negociar outras "medidas de reaxuste que garantan o futuro da empresa e dos postos de traballo".
Ao seu xuízo, non existe xustificación para o ERE, pois a empresa "experimentou dende 2006 un incremento continuo dos ingresos, sendo 2009 o exercicio co aumento máis importante", afirmou Xosé Maio, da CIG. Engadiu que os beneficios en novembro de 2009 foron de 100 mil euros e que a cifra de negocio foi "a máis alta dos últimos catro anos", polo que ve unha "clara intencionalidade" de "maquillar as contas para xustificar o ERE". Ademais, "dispón de efectivos para poder cancelar de modo inmediato máis da metade da débeda a curto prazo".
Maio salientou que o pasado día 11 a empresa, que conta con 79 traballadores -84 contando os prexubilados- comunicou a intención de presentar un ERE para 26 persoas. O comité de empresa salientou que Gamelsa "non é unha empresa illada" ao formar parte do grupo Televés, que nas súas últimas contas consolidadas obtivo un beneficio de máis de 12 millóns e repartiu "máis de cinco millóns de euros en dividendos o exercicio pasado". Televés é unha das compañías punteiras nas telecomunicacións a nivel internacional.
Gamelsa (Galega de Mecanizados Electrónicos) pertence ao grupo Televés, aínda que non se dedica directamente ás telecomunicacións. Está especializada en produtos derivados do metal, como cadeiras de autobús ou camas de hospital. A empresa alegou a situación de Navantia Ferrol, cliente da compañía, para xustificar, en parte, o expediente.