Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN DÚAS SEMANAS

O goberno español prepara xa un recurso para levar a Lei de Caixas ao Constitucional

Expertos do Ministerio de Economía aseguran que existen indicios de que varios puntos da norma puideran ser anticonstitucionais.

Redacción - 11:30 26/01/2010

O pulso entre a Xunta e o goberno español ao respecto da Lei de Caixas decidirase nas próximas dúas semanas. Se ben nos últimos días o ministro de Fomento, Xosé Blanco, non quixo adiantar os seguintes pasos do executivo estatal ao respecto da norma galega e restou importancia a un eventual recurso de inconstitucionalidade, todo apunta a que o goberno español está a traballar nesta liña.

O Ministerio de Economía está xa a ultimar o seu informe no que estuda se a normativa galega se adapta tanto á Constitución como á Lorca (Lei de Órganos Reitores de Caixas de Aforros) e, segundo adianta este martes o xornal económico Cinco Días apelando a fontes do propio Ministerio, estarían a preparar xa un recurso contra a Lei de Caixas para presentalo ante o Tribunal Constitucional.

En concreto, consideran que “existen indicios para considerar varios artigos contrarios á Carta Magna” e mesmo estudan se certos puntos entran ademais en colisión cos labores de supervisión do Banco de España. Así as cousas, todo apunta a que o Constitucional vai ter que mediar neste tema, logo de que o propio Feijoo anunciase na pasada semana que acudiría tamén a esta vía se non houber acordo co Estado para recibir a axuda do FROB.

En dúas semanas
O informe que están a elaborar os servizos xurídicos de Economía non estará preparado para o Consello de Ministros deste venres, porque aínda ten que ser remitido ao Consello de Estado, mais o máis probábel é que o poidamos coñecer no venres seguinte. A maiores, Economía contará previsibelmente con outros informes en contra, como o do Banco de España ou o da patronal das caixas (CECA).

O xornal madrileño adianta os artigos que ofrecerían maiores dúbidas. Así, o 31.4, que recolle que “os acordos (na asemblea) se tomarán por maioría simple de votos dos concorrentes” sería contrario á Lorca. Outros, como o 74.4 (“a consellaría competente en materia política financeira podería, mediante convenio, acordar anualmente coas caixas de aforros a porcentaxe dos seus excedentes que se adicarían a obras sociais”) entenden que contraviría a supervisión do Banco de España.

A maiores, os expertos de Economía discutirían a creación dun rexistro de altos cargos, o feito de que ningunha institución poida ter máis que un representante na caixa con excepción do Goberno, ou que a Xunta nomee a cuarta parte dos representantes das entidades de interese xeral.

Ordóñez visita Galiza
Precisamente, en pleno debate sobre a fusión, este martes uns 200 empresarios escoitarán as palabras que pronunciará en Santiago e Vigo o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez. Pouco aberto a autorizar fusións entre caixas dunha mesma comunidade, reunirase a porta pechada po Antonio Fontenla e unha ducia de empresas. Malia que foi convidado, o presidente da Xunta non acudirá á cita, na que si estarán a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, e o de Economía, Xabier Guerra.

Ademais, fontes de ambas as dúas caixas confirmaron a asistencia dos seus máximos responsábeis. Por Caixa Galicia acudirán o presidente, Mauro Varela, e o director xeral, Xosé Luis Méndez, ademais dunha representación do consello de Administración. Por parte de Caixanova teñen confirmada a súa asistencia tanto o presidente, Xulio Fernández Gaioso, como o director xeral, Xosé Luís Pego.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O Ministerio de Economía entende que hai indicios de inconstitucionalidade na Lei de Caixas
O Ministerio de Economía entende que hai indicios de inconstitucionalidade na Lei de Caixas
Méndez e Fernández Gaioso participan este martes nunha xuntanza co gobernador do Banco de España
Méndez e Fernández Gaioso participan este martes nunha xuntanza co gobernador do Banco de España