Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
INTERNACIONAL

Haití entre o caos e a escaseza de axuda humanitaria

A traxedia de Haití conmove o mundo enteiro. Varios países enviaron tanto avións como buques cargados de alimentos, medicinas, auga potable e sobre todo de equipo médico especializado. Con todo, en Haití xurdiu un grave problema de loxística para administrar todos estes recursos, polo que varios cargamentos están sendo saqueados polos habitantes desesperados e desviados ou entorpecidos polo control militar que exerce Estados Unidos. A catástrofe afectou sobre todo aos habitantes da capital, Porto Príncipe. Haití conta cunha poboación de preto de 9 millóns de habitantes

Moisés Lozano Paz - 16:43 24/01/2010
Tags: Haití

A militarización da axuda humanitaria a Haití

Haití sufriu diversas colonizacións de españois, franceses e ultimamente dos norteamericanos. Haití ten unha longa historia de intervencións e ocupacións militares estadounidenses que data de principios do século XX. O intervencionismo estadounidense contribuíu á destrución da economía nacional de Haití e ao empobrecemento da súa poboación.  

Presentouse o devastador terremoto ante a opinión pública mundial como a única causa da espantosa situación do país. Un país que quedou destruído, toda a súa infraestrutura desaparecida, precipitando ao seu pobo a un abismo de pobreza e desesperación.
 
O exército de EEUU veu ao rescate dunha empobrecida nación. Cal é o seu mandato? Os principais actores da “operación humanitaria” de EEUU son o Departamento de Estado, o Departamento de Defensa e a Axencia de EEUU para o Desenvolvemento Internacional. De cara ao mundo traballan en colaboración coa ONU, auténtico protagonista. O compoñente militar da misión estadounidense tende a eclipsar as funcións civís de rescatar a unha poboación desesperada e empobrecida. Non son as axencias gobernamentais civís, quen están dirixindo a operación humanitaria global, senón o Pentágono. Estase contemplando un despregue masivo de persoal militar (uns 20.000 soldados) 
Á diferenza dos equipos de rescate e axuda enviados por varios países e organizacións civís, o mandato humanitario do exército de EEUU non está claramente definido. Mentres os presidentes Obama e Préval falan por teléfono, non se ofreceu información algunha en canto a que os dous gobernos estivesen negociando a entrada e despregue de tropas estadounidenses sobre chan haitiano. Washington adoptou e impuxo unilateralmente as decisións. A ausencia total dun goberno en funcións en Haití utilizouse para lexitimar, a partir de motivos humanitarios, o envío dunha poderosa forza militar, que asumiu de facto diversas funcións gobernamentais. 
 
Un informe dunha axencia norteamericana resume o contido da misión de Estados Unidos en Haití: “Para EEUU, o terremoto ten implicacións tanto humanitarias como de seguridade nacional, o que require unha resposta rápida que non só ten que ser audaz senón tamén decisiva, mobilizando as capacidades civís, do exército e do goberno tanto para o rescate a curto prazo e os esforzos de socorrer as vítimas como para un programa de recuperación e reformas a longo prazo en Haití” 

O pobo de Haití


A ruína política e económica de Haití, implacablemente mantida e deliberadamente inflixida, ten moito que ver coa avalancha de morte e devastación que o país sofre agora tralo terremoto. Tamén vai a imposibilitar enormemente calquera posible recuperación deste desastre natural. As políticas económicas de Washington destruíron todos os intentos de construír unha economía sostible en Haití, espantando a xente da terra e das comunidades pequenas cara ás ateigadas, perigosas e insalubres vilas rodeadas de miseria, onde intentan manter a duras penas unha mísera existencia traballando nas fábricas de traballo escravista propiedade das elites occidentais e dos seus cómplices locais. Todos os intentos de cambiar unha sociedade manifestamente inxusta foron esmagados sen piedade pola man directa ou colateral desas elites occidentais. 

O pobo haitiano demostrou un alto grado de solidariedade, coraxe e compromiso social, axudándose uns a outros e actuando con conciencia: baixo condicións moi difíciles, inmediatamente despois do desastre, formáronse espontaneamente equipos de rescate formados por cidadáns.  

A militarización das operacións de axuda debilitará as capacidades organizativas dos haitianos para reconstruír e restaurar as institucións do goberno civil que resultaron destruídas. Tamén impedirá os esforzos dos equipos médicos internacionais e das organizacións civís de axuda. É probable que a operación humanitaria se utilice como pretexto e xustificación para establecer unha presenza militar estadounidense máis permanente en Haití.
 
O goberno do Presidente René Préval é débil e está agora inmerso no caos máis absoluto. É moi importante que o pobo haitiano siga opoñéndose contundentemente á presenza de tropas estranxeiras no seu país, especialmente nas operacións de seguridade pública. É fundamental que os cidadáns estadounidenses se opoñan con todas as súas forzas á decisión da administración Obama de enviar tropas de combate de EEUU a Haití; pero pouca esperanza de reacción existe nunha sociedade tan pouco crítica co poder. 

Moitas das críticas ao presidente Bush centráronse nas súas guerras en Afganistán e Iraq, pero nunca as súas accións igualmente culpables en Haití suscitaron condenas. Pero se Haití é hoxe un Estado errado gobernado en parte pola ONU, na medida en que está gobernado por alguén, as accións estadounidenses dos últimos anos teñen moito que ver con iso. 

Os haitianos están pagando agora o prezo desta débil e corrupta estrutura de goberno porque non hai ninguén para coordinar os esforzos máis elementais de auxilio e rescate.

Como sinala Ban Ki-moon, secretario xeral da ONU: “Mentres acudimos en socorro de Haití, non perdamos a perspectiva global. Ese foi a mensaxe que recibín, alto e claro, da xente nas rúas de Porto Príncipe. Pedían traballos, dignidade e un futuro mellor. Esa é a esperanza de todos os pobres do mundo, vivan onde vivan. Facendo o que se debe facer en Haití, neste momento de necesidade, lanzaremos unha forte mensaxe de esperanza para todos eles”.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: