Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

A liña sutil

Cun ollo en Haití e outro en Vic, sae do prelo o nº 803 de Irimia.

Redacción - 16:32 24/01/2010
Tags: Haití Vic

  Traxedias como a de Haití –que non comeza precisamente co terremoto- deberían impactar as nosas conciencias, máis có noso sentimentalismo. Nada que obxectar, porén, se da emoción pasamos á reflexión e desta ao movemento, cos nosos pés e mans, para poñérmonos mans á obra. Neste número reflexiónase sobre o trasfondo da crise haitiana e, como contrapunto, sobre unha experiencia esperanzadora de traballo cos meninos da rúa en Beira-Mozambique. A realidade é así, paradoxal. Tamén no que nos toca máis de cerca, como está a pasar coas actitudes da xente con respecto á inmigración. A partir do caso de Vic, en Cataluña, houbo montes e moreas de opinións e contrapuntos. Nese concello, gobernado por Convergència, con outros apoios varios e coa presión opositora dunha forza política de ultradereita, intentaron privar os inmigrantes sen residencia da posibilidade de empadroarse. Houbo moito ruído nos medios. Un ruído que cada vez nos pon máis medo. Estamos a un chisco da xenofobia e o racismo colectivo, de cruzar esa liña sutil, de xustificar o inxustificable. Resulta moi perigoso que os grandes partidos como o xa citado nacionalista catalán, e o PSOE que co-goberna con el, tomen a nivel local iniciativas coma esa. Non é menos perigoso que a presidenta do PP en Cataluña se apunte ao discurso: “Se nunha casa con dez persoas chegan cen máis, non estarían ben nin os dez nin os cen”, declarou. Tivo un retruque convincente. “Sería bo o exemplo –di Nacho Escolar, ex-director de Público, na súa bitácora- se a inmigración en España fose do 1.000%. Pero a realidade é que hai empadroados algo menos de 2,8 millóns de inmigrantes non comunitarios: o 6% da poboación. É dicir, 164 veces menos ca nesa demagóxica parábola. Se contamos só os que non teñen papeis, que son os que en teoría “no caben”, estariamos falando dunhas 200.000 persoas en toda España: o 0,4% da poboación. Por levalo á marabillosa casa de Alicia (Sánchez-Camacho): sería un edificio onde viven 250 veciños e chega un máis. E mandámolo ao gueto porque aquí non hai sitio para tanta xente. Polo noso ben, pero tamén polo seu, claro está”.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: