Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Marcharon desde o Monte do Gozo

Máis dun cento de docentes das escolas de idiomas mobilízanse en Compostela para exixir a retirada da circular

Consideran que foi "imposta unilateralmente" por Educación e que "non foi sometida, como é preceptivo" á negociación en mesa sectorial.

Redacción - 13:00 24/01/2010

Máis de 100 profesores da escolas de idiomas de toda Galicia peregrinaron este sábado desde o Monte do Gozo até a Praza do Obradoiro en Compostela para se manifestaren contra a circular 5/2009 "imposta" -non negociada coas organizacións sindicais a pesar de que cambia as condicións laborais dos docentes- e reclamar "diálogo" á Consellaría de Educación.

A directora da Escola Oficial de Idiomas (EOI) da capital, Esperanza Moreiras, explicou que esta reivindicación é unha prolongación das diversas protestas que se realizaron desde o mes de xullo para que Educación "escoite, dialogue e teña en conta" os docentes á hora de decidir a organización e funcionamento dos centros.

Moreiras denunciou que coa circular 5/2009 "hai un retroceso moi importante da calidade do ensino", xa que, ao seu xuízo, existe menos profesorado, menos grupos e unha perda de autonomía dos centros. "Esta imposición obrigounos a realizar até seis remodelacións cando xa tiñamos a oferta educativa deseñada", lamentou.

Nesta liña, subliñou que a Xunta "non permitiu" a programación que dende os centros se quería realizar para cursos monográficos especializados, e criticou que nos últimos días a Administración decidise ofertar estes cursos, aínda que de nivel básico e medio, "sen informar as escolas de idiomas".

Ademais, Moreiras recordou que levan desde xullo demandando que os reciban na Consellaría, e lamentou o "escurantismo" existente, xa que segundo indicou, non coñecen o contido do borrador do Regulamento Orgánico de Centros que se está a elaborar "sen contar coas escolas de idiomas".

Finalmente, lamentou que a Xunta "fale de diversificación educativa" só polo feito de que se propoñan dous cursos de inglés e francés comercial en Compostela, que "é unha oferta ridícula".

Sen negociación

Pola súa banda, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, criticou a "arrogancia absoluta" do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, a través dunha circular "imposta e non negociada". Así mesmo, resaltou que a Consellaría "busca recortar un servizo público fundamental e precarizar postos de traballo".

Neste senso, explicou que a circular "diminúe as prazas de profesorado", ao que engadiu que Educación actúa "con mala conciencia, sen un labor minimamente democrático". "É lamentábel que unha administración non cumpra coa lexislación vixente a través dunha norma ilegal", sinalou Louzao.

Ademais, o responsábel de Ensino Público de CC.OO, Xosé Fuentes, criticou a aprobación dunha circular, que ao seu parecer, se realizou "con nocturnidade e aleivosía", e explicou que con esta medida "se diminúe a calidade". Por último, queixouse pola reestruturación dos equipos de idiomas "cando a Xunta di que está a apostar polos idiomas estranxeiros".

Xunto con CIG-Ensino e CC.OO-Ensino, apoiaron a mobilización os sindicatos STEG, FETE-UGT e ANPE-Galicia. As súas peticións son a retirada da circular "imposta unilateralmente" polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, que "non foi sometido, como é preceptivo" á negociación en mesa sectorial, e que derivou na "perda de postos de traballo" e en "continuos cambios de horarios" ao persoal, entre outras cuestións.


Ligazóns

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: