Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
HORAS ANTES DA FOLGA

Comunicado da Consellaría de Educación ao profesorado

Cun gran paro ás portas, o departamento que dirixe Xesús Vázquez enviou un correo electrónico a todos os profesores do ensino non universitario para explicar o posicionamento oficial

Redacción - 17:57 20/01/2010

Ofrecémoslle os correos que recibiron nos últimos días os profesores do ensino non universitario. Nos mesmos, a consellaría explica a súa proposta de decreto:

Prezado profesor/profesora:


Dirixímonos a vostede desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para transmitirlle un resumo dos puntos principais que organizan as bases do decreto de plurilingüismo, documento que lles presentamos aos partidos políticos parlamentarios, ás forzas sociais e ás institucións, co obxectivo de propiciar o máximo consenso posible no deseño do marco educativo para o ensino non universitario de Galicia.

Quero indicarlle, en primeiro lugar, que as bases que presentamos se enmarcan no respecto e aplicación da Constitución española, do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei de normalización lingüística, documentos legais que garanten a cooficialidade do galego e do castelán, a non discriminación por razón de lingua e a promoción activa da lingua galega.

En segundo lugar, as bases están asentadas en tres principios: a aposta por un plurilingüismo efectivo; a garantía de equilibrio entre as linguas oficiais; e a potenciación da participación das familias.

Con respecto ao plurilingüismo, a realidade social, cultural e laboral europea lévanos a redefinir os modelos de adquisición das linguas para que capaciten ao alumnado no dominio de linguas estranxeiras, e sempre sen descoidar a correcta e plena aprendizaxe das linguas oficiais. Apostamos por un ensino no que se garanta o equilibrio, en horas lectivas entre o galego e o castelán, para a medio prazo, ir introducindo algunha materia en lingua extranxeira -predominantemente o inglés-.

Convén ter moi presente que somos realistas e sabemos que a impartición dunha parte das materias e das horas semanais en lingua(s) estranxeira(s) non se pode implantar de golpe sen ter en conta a indubidable importancia do profesorado: é preciso insistir na formación e na reciclaxe do profesorado, ao tempo que aumenta a capacitación do alumnado para que se incorpore á docencia plurilingüe.

A Administración educativa vai facer o máximo esforzo para que os centros educativos e o profesorado se incorporen, de maneira progresiva, gradual e voluntaria, ao ensino plurilingüe. Mentres tanto, tal como xa está indicado nas bases, cada centro asignará as horas semanais, de maneira equilibrada, en galego e castelán.

Con respecto ao equilibrio entre as linguas oficiais, prevese tal equilibrio en todos os niveis educativos na docencia ofertada en galego e castelán. Así, asegúrase unha porcentaxe estable para as linguas nas que se van impartir as materias en todos os niveis educativos, establecida a través do correspondente equilibrio horario.

E con respecto ás familias, estas terán voz, en colaboración estreita co profesorado, respondendo a un compromiso de goberno adquirido coa cidadanía. Na primeira escolarización dos fillos/as, en Educación Infantil, indicarán a lingua predominante da aula, sempre acompañada da outra lingua oficial, e nas etapas posteriores terase en conta a súa opinión sobre a distribución lingüística das materias.

Cremos que estas son unhas bases para un decreto necesario para superar o debate suscitado arredor das linguas en Galicia. É necesario tamén para garantir a adquisición da competencia plena nas dúas linguas oficiais e o fomento activo da lingua galega. E, finalmente, precisámolo para artellar un sistema educativo que favoreza a capacitación en linguas estranxeiras do noso alumnado, consonte as demandas sociais, culturais e laborais da sociedade galega actual.

Queremos contar coa súa participación neste proceso ilusionante que principiamos agora. Desexamos poñer os alicerces dun ensino moderno e de calidade, axeitado á realidade de saberes, habilidades e coñecementos lingüísticos precisos para a formación do alumnado da Galicia do século XXI. E para lograr, en definitiva, un marco educativo que sexa garantía da mellor convivencia nas aulas e na sociedade.


1,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: