O sindicato asegura que se están a ocultar prazas ocupadas por interinos nun proceso que terá lugar este xoves 21.
As afirmacións do presidente da Xunta de que as prácticas caciquís quedaron desterradas parecen non seren certas. Unha praza de enxeñeiro técnico agrícola en Xinzo de Limia está a ser ocupada por un concelleiro do PPdeG en Barbadás, roubándolle a posibilidade de acceder a esta praza a persoas opositoras, segundo denunciou a CIG.
O sindicato afirma que estes feitos indican que o Goberno segue a beneficiar os seus cargos públicos en detrimento da xente que gañou o seu posto de traballo nunha oposición, nun exercicio "inaceptábel do nepotismo máis rancio" e considera grave que se premie unha persoa interina por riba dos dereitos das persoas funcionarias de carreira.
É máis, a CIG asegura que o 21 de xaneiro se van producir máis irregularidades, pois non se ofertarán todas as prazas ocupadas por interinos, no que considera "un intento burdo de ocultar prazas e beneficiar a persoas non sabemos en base a que criterios". CIG Autonómica exíxelle á Dirección Xeral da Función Pública que anule a elección de destino desta quinta feira e que oferte todas as prazas vacantes sen ocultalas de xeito espurio co obxectivo de beneficiar, como neste caso, un concelleiro do PPdeG.