A nova Constitución da República, que se aprobará na Asemblea Constituínte este xoves, prohibe explicitamente a pena capital, a tortura e os traballos forzados.
A Asemblea Constituínte aprobará a Carta Magna este xoves
Angola acaba de dar un paso adiante no recoñecemento das garantías dos dereitos e liberdades fundamentais. Na nova Constitución que o país de fala portuguesa aprobará este xoves contémplase a prohibición explícita da pensa de morte, a tortura e os traballos forzados e tratamentos degradantes.
Así se recolle nos seus artigos 59 e 60 da nova lei magna: “ninguén pode ser sometido a tortura, traballos forzados, nin tratamentos ou penas crueis, deshumanizadoras ou degradantes”. Con todo, o artigo 61 tamén subliña que “son imprescriptíbeis e insusceptíbeis de amnistía e liberdade provisoria, mediante aplicación de medidas de coacción procesal, o xenocidio e os crimes contra a humanidade previstos na Lei Internacional”.
O proxecto final da Constitución posúe 244 artigos e será aprobado pola Asemblea Constituínte o próximo xoves 21 de xaneiro. Entre outros dereitos, tamén recoñece a liberdade de prensa ou concede autonomía financeira os tribunais.