Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Condicións de vida inhumanas

Un ataque a cidadáns inmigrantes xera enfrontamentos no sur de Italia

Gran parte da poboación de Rosarno preferiu ficar na casa este venres, e moitos comercios e escolas permaneceron pechados.

Redacción - 13:45 08/01/2010

Na localidade de Rosarno, no sur de Italia, vívese este venres en tensión logo da revolta que protagonizan un grupo de cidadáns inmigrantes en resposta ao ataque que recibiron por parte de descoñecidos un día antes deixando dous feridos.

Pola mañá, gran parte da poboación preferiu ficar na casa, mentres que moitos comercios e escolas permaneceron pechados, segundo informan os medios italianos e as axencias internacionais. Ademais, os manifestantes cortaron algúns dos accesos á cidade.

Todo comezou na quinta feira, cando uns descoñecidos dispararon tiros de aire comprimido contra un grupo de inmigrantes, ferindo dous deles. Inmediatamente despois, producíronse os disturbios, con ducias de escaparates rotos, coches danados e colectores de lixo envorcados.

Situación inhumana

Mais na orixe da protesta está a inhumana situación en que viven os cidadáns vidos doutras partes do mundo, a maioría do continente africano, á procura de traballo. Adoitan traballar nos campos até 15 horas ao día en troques dun cativo xornal.

Algunhas organizacións humanitarias apuntan a explotación destes inmigrantes por parte da 'Ndrangheta, a mafia local. Porén, o ministro do Interior, Roberto Maroni, considerou que a orixe está na tolerancia con que Italia tratou nestes últimos anos o fenómeno da inmigración clandestina.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: