A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza fai unha negativa avaliación ambiental do pasado 2009 e é pesimista cara ao 2010.
Virxinia Rodríguez é presidenta de Adega desde a asemblea do colectivo en novembro pasado
A viraxe política acontecida en 2009 é o punto clave para a análise ambiental do ciclo de doce meses que o país vén de pechar. Así o pensa a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que ve no cambio de goberno un "retorno de vellas ameazas" e ao tempo a frustración de "tímidos avances conquistados" na anterior lexislatura.
Nese contexto, destacan no plano negativo a propia supresión que o novo executivo fixo da Consellaría de Medio Ambiente, que pasou a ver misturadas as súas competencias "entre ladrillos e asfalto". Deseguido acusan desde Adega á Xunta de impulsar unha "volta ao filibusterismo eólico e acuícola para darlle gusto aos Galán e Fernández de Sousa. Tamén se laian da renuncia a un plan de residuos que, opinan, ía "na boa dirección", e denuncian a recuperación de minicentrais, a suspensión do plan hidroeléctrico e o recorte de espazos naturais. No que lle toca ao contorno competencial relacionado co goberno español, Adega reprocha especialmente a autorización de novos aproveitamentos eléctricos nos ríos Sil e Miño, os incumprimentos vencellados ao protocolo de Quioto ou os recheos nas rías. Xa no plano mundial, recordan o fracaso das negociacións de Copenhague sobre a loita contra a mudanza climática.
"Somos conscientes de que a administración non é un colectivo ecoloxista, mais non debe confundirse isto co dereito de pernada sobre o medio ambiente e a falta de respecto polas leis", subliñan desde a asociación, agoirando que as perspectivas son "aínda peores" cara a este 2010 xa iniciado. Entre outros, Adega chama a atención sobre as eivas no ordenamento territorial, e de xeito especial no litoral. Lembran que coa fin da prórroga da lei de medidas urxentes hai alta expectativa sobre o próximo plan do litoral e pregúntanse os ecoloxistas: asistiremos a unha nova vaga urbanizadora na costa? Ao respecto, advirten desde Adega: "Non asistiremos impasíbeis vendo como a nosa costa deséñase "á carta" dos intereses urbanísticos e especulativos". Nesa liña, felicitan que a cidadanía semella estar cada vez "máis sensibilizada e comprometida" e destacan tamén positivamente que "os ventos xudiciais están mudando". "Xorden plataformas ambientais en defensa da costa, dos ríos, do patrimonio cultural, contra instalacións agresivas, touradas... e cada vez hai máis sentenzas a prol do ambiente: Rinlo, Touriñán, Ferrazo, Marín... e as que virán", prognostican.