Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Marcha en Bilbao

Miles de persoas maniféstanse a prol dos dereitos dos presos vascos

Varios partidos nacionalistas convocaron o acto, despois de que a Audiencia Nacional prohibise un análogo organizado polo colectivo Etxerat.

Redacción - 10:47 03/01/2010

Miles de persoas, máis de 40 mil segundo algunhas fontes, manifestáronse este sábado pola tarde en Bilbao baixo o lema "Donos dos seus dereitos. Os presos vascos a Euskal Herria". A marcha estivo convocada por EA, Aralar, esquerda Abertzale, Alternativa e Abertzaleen Batasuna. Na manifestación non se amosaron fotografías de persoas reclusas.

Ao remate da marcha, diante do concello bilbaíno, leuse un comunicado por parte de dous membros do colectivo de familiares de presos Etxerat, que pediron "compromisos concretos e realizábeis aos diferentes axentes sociais, sindicais e políticos do país", afirmando que "é o momento de pasar das palabras aos feitos".

Os familiares e achegados dos presos de ETA anunciaron que van seguir dando "testemuño directo das vulneracións que sofren" os encarcerados nos estados español e francés, co obxectivo de "rematar coa criminal política penitenciaria vixente".

A marcha partiu pasadas as cinco e media da tarde, encabezada cunha gran faixa co logo en favor do achegamento dos presos, seguido de media ducia de persoas, na súa maioría con panos de Etxerat no pescozo. Detrás, outra faixa co lema da marcha que tamén levaban membros de Etxerat e, detrás deles, dirixentes dos partidos políticos convocantes.

A convocatoria dos partidos produciuse despois de que a Audiencia Nacional prohibise outra realizada por Etxerat tamén en Bilbao e co mesmo lema. Respecto da marcha, o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno rexeitou a petición da Asociación Dignidad y Justicia para prohibila, aínda que precisou que a Ertzaintza tiña a responsabilidade de evitar que se proferisen expresións de apoio a ETA ou aos seus membros ou que se exhibisen faixas ou lemas con tales fins, feitos que non se produciron durante a manifestación.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: