Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A outra costa de xaneiro

Ano novo, suba de prezos

Impostos e servizos encarécense por riba do IPC máis baixo da historia, polo que se guían os salarios e as prestacións.

Europa Press - 11:30 02/01/2010

Aínda que 2010 é o ano que arrincará co nivel de prezos máis baixo da historia, desta volta tampouco poderemos escapar da tradicional suba de impostos. O IPC situarase a nivel estatal, previsibelmente, por debaixo do 1% interanual, mentres que algúns servizos chegarán a subir por riba do 6%.

Estes incrementos contrastan en cambio cos lixeiros aumentos que experimentarán os salarios e as prestacións que dependen do goberno español. Así, o soldo dos funcionarios da Administración Central apenas crecerá un 0,3%, mentres que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e as pensións subirán un 1,5% e un 1%, respectivamente.

En canto aos principais servizos básicos, a Tarifa de Último Recurso (TUR) da luz sobe en xaneiro un 2,6% para 18,5 millóns de clientes, o que equivale, segundo os cálculos do Ministerio de Industria, a 89 céntimos de euro máis ao mes no recibo dun consumidor medio.

Esta subida vén acompañada da conxelación da tarifa tanto para o millón de clientes coa modalidade de discriminación horaria, que en xullo substituíu a tarifa nocturna, como para os preto de 3 millóns de beneficiarios do bono social.

Conxélase o gas natural
O prezo da luz vén subindo cada ano desde 2003, aínda que só desde 2006 (5,28%) o fai por encima do IPC. Se en 2007 a suba foi do 2,98%, en 2008 rexistrou un incremento do 9,08%. En canto ao gas natural, que se revisa trimestralmente, o Ministerio de Industria manterá invariada a tarifa. A decisión afecta a 3,49 millóns de usuarios de TUR 1 (consumidores domésticos sen calefacción, ou de menos de 5.000 quilowatts hora ao ano) e a 3,51 millóns de TUR 2 (máis de 5.000 quilowatts hora ao ano).

Por outra banda, o butano subirá un 3,4% (35 céntimos) en xaneiro, até os 11,04 euros. En 2009, a bombona abaratouse un 20% nas distintas revisións trimestrais, e pasou dos 13,5 euros de xaneiro aos 10,69 euros de outubro.

Os prezos da gasolina e do gasóleo pecharon o ano con subidas de prezos do 27% e do 14%, respectivamente, con respecto aos niveis de xaneiro, cando estes produtos se atopaban, en plena crise económica, nos niveis máis baixos desde 2004. O litro de gasolina custa na actualidade 1,052 euros, e o de gasóleo 0,955 euros.

Transportes máis caros
En canto aos transportes, Renfe subirá o prezo dos billetes dos seus distintos trens entre un 4% e un 6%. A Longa Distancia subirña de media un 4%, mentres que o servizo de proximidade farao nun 6%. Os trens de Media Distancia, tanto o de trens AVE (Lanzadeiras e Avant) como o de trens convencionais (Rexionais), subirán un 5%.

En cambio, a peaxe das autoestradas dependentes da Administración Xeral do Estado rexistrará descensos de entre o 0,05% e o 0,48%. No entanto, por efecto do redondeo a cinco céntimos de euros, nalgúns percorridos o importe manterase practicamente en igual contía respecto de 2009.

O prezo do billete de autobús regular interurbano actualízase anualmente a comezos do mes de abril. A subida total de 2009 foi do 4,08%, da que un 3,27% anticipouse ao mes de xullo de 2008 e o resto aplicouse en abril. A actualización do prezo deste transporte regular calcúlase e aplícase en función dun sistema de actualización automática anual de prezos deseñados polo sector e a Administración, en vigor desde 2002.

Pola súa banda, Correos subirá un 6,25% o prezo dos selos para o envío de cartas e cartóns postais normalizados e de até 20 gramos de peso a partir deste mes, cando pasará a custar 0,34 euros. Respecto dos envíos a Europa, o selo para envíos normalizados de até 20 gramos encarecerase un 3,22%, até 0,64 euros. Por contra, manteranse "practicamente invariábeis" as tarifas para outros destinos internacionais.

Pero non son todo malas noticias para os consumidores, xa que o prezo máximo da cota de abono das liñas fixas de telefonía -prezo que os usuarios de liñas individuais de Telefónica pagan polo mantemento da liña- permanecerá conxelado en 2010 en 13,97 euros mensuais, unha cifra sen cambios desde o ano 2008.

Impostos
Para reducir o déficit público, o goberno español decidiu incrementar un punto o gravame das rendas do aforro para os primeiros seis mil euros de ganancias, até o 19%, mentres que o resto tributarán ao 21%. Ademais, despois de dous exercicios en vigor, elimínase a dedución de 400 euros no IRPF, o que suporá de facto un incremento deste imposto, salvo para os contribuíntes con rendas inferiores a 15.645 euros brutos anuais, que seguirán gozando da devandita dedución. Até 12 mil euros mantense íntegra e farase progresiva até os 15.645 euros.

Outra das novidades tributarias para este ano é a reforma da coñecida como 'Lei Beckham', que regula o réxime fiscal especial para estranxeiros non residentes, especialmente deportistas de elite asentados en España. Desta forma, aqueles que conten con rendas superiores aos 600 mil euros anuais pasarán a tributar ao 43% no IRPF, mentres que o resto seguirá no 24%.

A mediados de ano haberá máis subidas fiscais, xa que o 1 de xullo o tipo xeral do IVE subirá dous puntos e situarase no 18%, mentres que o tipo reducido elevarase un punto, até o 8%. En cambio, o tipo superreducido, aplicábel a bens de primeira necesidade, manterase no 4% actual.

Pensións
En contraste coas subas dos servizos básicos e dos impostos, aprobouse un incremento do 1,5% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), até os 633,3 euros mensuais, subida que queda moi lonxe dos aumentos que experimentarán servizos como a luz ou os transportes. Na mesma liña, as pensións incrementaranse, con carácter xeral, un 1%, aínda que as mínimas farano unha media do 4%, do que se beneficiarán case 2,7 millóns de pensionistas.

Por último, o Euribor, tipo de interese ao que están referenciadas a maioría das hipotecas, pechou decembro no nivel do 1,24%, co que rompeu catorce meses continuados de descensos ao superar lixeiramente o nivel de novembro, que se situou en 1,23%. A pesar deste leve incremento, os consumidores que teñan que revisar a súa hipoteca aforrarán uns 120 euros ao mes e uns 1.400 euros ao ano.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: