"Introduce seguridade xurídica e regras claras e profesionais no sector", insiste o PP sobre a nova norma.
Os grupos parlamentarios cruzáronse este luns as últimas labazadas políticas antes de votar o anteproxecto de lei eólica que, como era de esperar, saíu adiante coa maioría absoluta dos votos do PPdeG. A Pedro Arias, voceiro popular na área económica, tocoulle desta volta a defensa do documento, botando man na tarefa dos argumentos xa escoitados desde a Xunta, principalmente, a afirmación de que "introduce seguridade xurídica no sector e regras de funcionamento claras e profesionais". De xeito paralelo, Pedro Arias salientou a creación do canon eólico e o Fondo Compensación Ambiental alimentando por esta taxa: "Un instrumento esencialmente inversor, de fomento territorial e ambiental", asegurou.
"Hai un ano que o hoxe presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijo, formulou o compromiso do PP de revisar o decreto e o procedemento de tramitación eólica polo bipartito", lembrou Arias, "e oito meses despois da súa toma de posesión, está cumprido con seriedade, rigor e vontade de permanencia". Defendeu o deputado coruñés do PP que o novo modelo de concurso "valora a profesionalidade do solicitante, a menor afección medioambiental e os maiores beneficios económico-industriais para o tecido produtivo de Galiza".
"Antigalego" e "discrecional", agoira a oposición
A profesionalidade prometida polo voceiro do PP foi posta en cuestión novamente desde a beira da oposición, que rexeitou todas as argumentacións da forza maioritaria na Cámara. O deputado socialista Abel Losada dixo que o novo marco legal nace dun "revanchismo partidista e partidario e antigalego" practicado pola formación gobernante, agoirando que boa parte dos beneficios do vento escaparán de Galiza. Ademais, denunciou Losada que a lei "provoca unha inasumíbel inseguranza xurídica" e "paralizará o desenvolvemento dos proxectos xa en tramitación".
"Galiza perdeu o tren do desenvolvemento eólico", laiouse, repasando que a norma deseñada agora polo Goberno "esquece as Directrices de Ordenación do Territorio, a Lei da Paisaxe, minimiza as medidas de control ambientais, hai unha clara indefinición do proxecto e tamén unha falla de planificación". Ademais, o deputado socialista vigués queixouse dos "serios problemas técnicos" da norma que, criticou, "deteriorará a imaxe de Galiza como territorio receptor dos investimentos de todo tipo de axentes económicos".
Parecida análise realizou o ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, responsábel do departamento que promoveu o anterior decreto eólico, quen cualificou o acontecido de "volta ao modelo da era Fraga, mais disimulado para querer facelo dixeríbel". O deputado do BNG recordou que o modelo do PP antes da chegada do bipartito en 2005 implicaba a privatización dun recurso "en mans de oligopolios que nin deixaban os impostos en Galiza porque teñen a súa sede fóra". "A lei é unha desculpa para que o PP faga o que queira co sector", resumiu Blanco, agoirando un "parón" no sector e a desaparición de empresas "condenadas" coa nova norma.