Cenatic publica un decálogo sobre o código aberto no ensino mentres Educación asina un convenio que favorece o uso dos produtos do xigante estadounidense a baixo prezo.
Case ao mesmo tempo que Microsoft e o goberno español asinaban un acordo para a introdución do software da empresa estadounidense no ensino, un organismo público daba a coñecer un decálogo que recomenda o uso de software libre na educación. Cenatic, Centro de Referencia de aplicación das TIC baseadas en fontes abertas, editou un documento con dez puntos que xustifican o uso de software libre no programa Escola 2.0.
As dez razóns que achega Cenatic mencionan aspectos como que o software aberto contribúe a formar persoas libres, ensinar con ferramentas adaptadas á realidade do alumnado e crea unha comunidade de coñecemento compartido. Así mesmo, as fontes abertas favorecen a liberdade de escolla tecnolóxica, evolucionan con máis rapidez fronte aos problemas que poidan xurdir, ademais de ser legal, máis barato, seguro e favorecer o desenvolvemento de empresas locais.
Pola súa banda, Microsoft e o Ministerio de Educación subscribiron un acordo polo que as escolas poderán acceder ao sistema operativo Windows e ao paquete ofimático Office por oito euros ao ano, o que garantiría a introdución e o dominio das solucións da empresa estadounidense na poboación dende os primeiros niveis da aprendizaxe. O acordo é, ademais, unha resposta ás políticas públicas a prol do software libre en moitas comunidades autónomas. Neste caso, os primeiros centros aos que se refire o acordo con Microsoft son os das cidades de Ceuta e Melilla, únicas que dependen directamente do ministerio.