Gandeiros Unidos maniféstase en Santiago exixindo un prezo xusto para o leite ao tempo que bota un pulso ás centrais sindicais ao reivindicar a representatividade do sector.
Xosé Agra é portavoz de Gandeiros Unidos e ten unha explotación na comarca do Xallas
Xa hai un ano do nacemento en Galiza dun novo movemento gandeiro que se reivindica como "a verdadeira voz dos traballadores do rural". Gandeiros Unidos (GGUU) está a liderar estes días en Compostela as protestas dos propietarios das explotacións leiteiras do país que, fartos, exixen unha solución á crise que atravesa o sector.
Este mércores, uns 700 tractores concentráronse en Salgueiriños e, a xeito de manifestación, trasladáronse até San Caetano para levar as súas demandas ante a Xunta de Galiza. Alén de reclamar un prezo xusto para o leite, GGUU reivindícase como o único interlocutor válido que efectivamente representa os gandeiros. O seu poder de convocatoria, que se estima que sexa quen de atraer outros 300 tractores máis até a capital galega, non lle resta razón. En Vieiros quixemos falar cun dos seus portavoces, Xosé Agra.
Vieiros: Logo de diferentes manifestacións, tractoradas e protestas, por que volven os gandeiros manifestárense a Compostela?
Porque non temos solucións. Hoxe somos firmes ao dicir que non imos marchar para casa até que se estruture o sector: queremos sentarnos nunha mesa na que teña voz a industria, a distribución, a Administración e nós, os gandeiros. A partir de aí, temos que arbitrar medidas que impidan que os produtores vendamos o leite por baixo do prezo de custe. Non pedimos máis nada.
No pasado mes de xullo, outra tractorada levou ás cidades o berro dos gandeiros e as demandas eran semellantes. Non houbo ningún avance dende entón?
Promesas houbo moitas, pero a verdade é que seguimos exactamente na mesma situación, só que aínda máis cansos e máis fartos. Nin o pacto asinado en Madrid polos sindicatos que estabelecía un prezo mínimo de 31 céntimos por litro de leite, nin as promesas da Administración... a día de hoxe temos que seguir exixindo o que nos pertence en manifestacións. Estamos cheos de que nos saquen á rúa cando a algúns lles interesa e decidimos tomar as nosas propias decisións.
Gandeiros Unidos nace á marxe dos sindicatos agrarios. Por que non se senten representados por estas formacións?
Nós somos unha organización apolítica, non temos ningún tipo de remuneración e o único que queremos é reivindicar a reestruturación do sector e pelexar polo noso. Nacemos ante a necesidade de movernos e representarnos a nós mesmos, porque estabamos cansos de que nos empregaran para buscar un interese político. Eu fun afiliado dun par de sindicatos e, a día de hoxe, deime conta de que estaba errado.
Non é posíbel a unión entre todos os gandeiros, máis alá de afiliacións sindicais?
Claro que si. Iso é o que nós representamos, a unión dos produtores, porque temos intereses comúns. Pero os sindicatos non nos representan en absoluto, é máis, cónstanos que en moitos casos os máximos responsábeis agrarios nin sequera teñen vacas: teñen outros intereses. Cada día máis gandeiros cren necesaria unha organización como GGUU e a proba é que hoxe veñen a Compostela en tractores produtores de todo o país, independentemente de se están afiliados a un ou a outro, porque entenden que é aquí onde temos que estar. A previsión que manexamos é que este xoves sexamos un milleiro de tractores en Santiago e nótase que a algúns non lles gusta.
Cal é a resposta que recibides desas formacións agrarias?
Vénnos como se fósemos o inimigo, cando o único que denunciamos é que a representación do sector está coxa, porque non se nos ten en conta. Cónstannos que houbo gandeiros aos que se lles foi á casa a dicir que non viñeran a esta concentración, a ameazalos. Teñen medo de que lles restemos poder pero o noso obxectivo é outro: é ter voz cando se fala dos nosos intereses. Actualmente non estamos presentes en ningunha mesa de negociación. Pedimos estar alí mais explícannos que a representatividade se basea nas eleccións ás cámaras agrarias que se celebraron hai oito anos. Nós pensamos que xa é hora de que isto cambie e que poidamos defender os nosos intereses en primeira persoa.
Que capacidade ten a día de hoxe Gandeiros Unidos?
Somos unha formación nova, que non ten máis que un ano. Gandeiros Unidos naceu legalmente en Castela e León, e agora ten representación en toda a cornixa cantábrica, sobre todo en Asturias e Euskadi. De feito, alí están hoxe tamén manifestándose os gandeiros pedindo o mesmo ca nós, porque a estruturación do sector é fundamental para seguir adicándonos á produción de leite en todo o Estado Español. Nós temos delegacións comarcais e contamos con delegados nas comarcas de máis tradición leiteira, como Ordes, Xallas, Deza, Lugo ou a Terra Chá.
Se non acadades algún compromiso por parte da Xunta, cales serán as vosas seguintes medidas de presión?
Nós non nos conformamos con que nos reciban os representes de Medio Rural; queremos falar con eles pero para adiantar solucións. Do contrario, temos previstas moitas máis mobilizacións: imos ir ós supermercados, paralizar as recollidas de leite e continuar coas protestas na rúa. Todos eses actos canalizarémolos dende Salgueiriños, de onde non marcharemos até que teñamos unha resposta ás nosas demandas.
Xosé Agra explicaba en Vieiros en maio a situación do sector leiteiro nun reparto gratuíto de cartóns