Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Viaxe do presidente da Xunta a Latinoamérica

Feijoo pide pola lingua e a cultura galegas ... na emigración

Avoga por impulsar "un lobby de galegos" e insta os emigrantes a "repensar" a galeguidade e a "confederarse" para superar os centros "de parroquia".

Redacción / EP - 09:30 08/12/2009

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, convidou este luns os emigrantes a "repensar" a galeguidade na segunda década do século XXI e insistiu na idea de "confederar" os centros galegos dispersos polo mundo para superar as institucións "de parroquia" dos primeiros que abandonaron a súa terra e substituílas polos centros "da Galiza global".

Así se pronunciou durante a inauguración da exposición 'Nós mesmos' sobre o asociacionismo galego, que acolle o Centro Galego de Montevideo, onde reiterou a súa aposta por "unirse" para formar "un lobby de galegos" que fortaleza a colectividade "sen esquecer a cultura e a lingua da súa terra".

"O pobo galego non veu conquistar senón traballar para mellorar o país que os acollía", reivindicou o xefe do Executivo antes de advertir de que ningún presidente de Galiza pode ocupar este cargo "sen entender o feito distintivo da emigración" posto que o seu papel é "esencial".

A continuación, Núñez Feijoo defendeu a Lei de Galeguidade e volveu ratificar o seu compromiso cos galegos que residen no exterior, como antes -recordou- o fixeron os seus antecesores no cargo, desde Xerardo Fernández Albor a Emilio Pérez Touriño.

Con respecto a 'Nós mesmos', destacou que constitúe unha mostra "oportuna" dentro do centro galego decano -con 130 anos de vida- situado na capital uruguaia de Montevideo, que acolle este luns e martes o IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

"Berce do asociacionismo"
"Este centro é o berce do asociacionismo", proclamou o presidente galego, nun acto no que tamén participou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega -institución que promove, xunto coa Xunta, a exposición.

Villares realizou unha análise histórica da evolución do asociacionismo na emigración e salientou a contribución da diáspora á hora de artellar a Galiza de hoxe. "Todo o que melloraron, trataron de devolvelo", sinalou e concluíu que, por iso, os emigrantes son "unha parte esencial da modernidade" de Galiza.

Consello de Comunidades
A continuación, Feijoo tiña previsto visitar a Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, o Sanatorio Casa Galicia para inaugurar a cuarta planta e unha unidade de pediatría, e o asilo Hogar Español.

A axenda da súa primeira viaxe a Latinoamérica como presidente da Xunta conclúe este martes coa entrega de insignias de galeguidade a cinco centros galegos na segunda xornada do IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas, e coa análise de documentos de estudo entre os que figura a demanda de implantar o voto en urna para os emigrantes.

"Garantir" o voto exterior en urna
Ao respecto, Feijoo reclamou a reforma da Lei Electoral co fin de habilitar o voto en urna para os emigrantes e avisou de que sería "un fracaso" da clase política non garantir o sufraxio "en igualdade de condicións" para os membros da diáspora nas próximas eleccións xerais, previstas para 2012.


1/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: