Demanda políticas activas que faciliten a reinserción dos traballadores e lamenta que nos orzamentos da Xunta esta sexa unha das partidas que sofre máis recortes.
"É evidente que se pode facer máis para saír desta situación de crise", di Xosé Domingo Barros, secretario de Formación e Emprego da UXT. "Débese facer máis en materia de protección ás persoas e pódese facer máis para reinsertar no mercado laboral a quen non atopa emprego ou o perdeu".
Responsabilidades
UXT entende que "mentres a Administración central desenvolveu neste último ano un gran esforzo aumentando a protección por desemprego, a Xunta non está á altura das circunstancias, en relación coas rendas mínimas de inserción ou cos salarios sociais". Exixe que o Goberno aposte polas políticas activas que faciliten a reinserción dos traballadores que non teñen emprego, entre eles sobre todo os mozos, mulleres ou parados de longa duración.
Barros explica que "algunha destas liñas xa está obsoleta, data do ano 1986 ou, no mellor dos casos, foi válida para o período de crecemento mais xa non son as axeitadas para a actual etapa de recesión". Nesa liña, dende a UXT lamentan que nos orzamentos galegos sexa esta unha das partidas que máis recortes sofre en relación co ano anterior.
O sindicato chama a participar o vindeiro 12 de decembro nunha gran manifestación en Madrid "para mandar esta mensaxe a aqueles que teñen responsabilidade nesta situación e na busca de saídas".