Un grupo de blogueiros redactou un decálogo para amosar a súa oposición á lei que prepara o goberno español para pechar sen orde xudicial webs de descargas.
Un grupo de xornalistas, blogueiros e internautas redactaron un manifesto na defensa dos dereitos fundamentais na internet que se está a estender rapidamente e de xeito viral pola rede. O texto nace como unha reacción ao Anteproxecto de Lei de Economía sostíbel, que inclúe modificacións que pretenden salvagardar os dereitos de autor e que lle afectan "ao libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través da rede".
O decálogo expresa a oposición a ese texto lexislativo, con argumentos como que "os dereitos de autor non se poden situar por riba dos dereitos fundamentais da cidadanía, como a privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, a tutela xudicial e a liberdade de expresión". Tamén salienta que "a suspensión de dereitos fundamentais é competencia exclusiva do poder xudicial", polo que rexeita a posibilidade de que un organismo do Ministerio de Cultura poida pechar páxinas web alén dos xulgados.
Outro dos aspectos que se mencionan é que a nova lexislación "creará inseguridade xurídica" no sector tecnolóxico, "ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural" ao poñerlle barreiras á internet. Recoñece que os autores, "como todos os traballadores, teñen dereito a vivir do seu traballo", pero non tentando perpetuar un modelo de negocio "obsoleto", polo que avoga por buscar "alternativas modernas" para a supervivencia das industrias culturais.
O decálogo conclúe que internet "debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas" e exíxelle ao goberno español que garanta por lei "a neutralidade da rede" fronte a calquera presión e que reforme "o dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolverlle á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras". As modificacións lexislativas, engade, débense aprobar "despois do oportuno debate político e consultando previamente as partes implicadas", pois non se deben modificar leis "que afectan dereitos fundamentais nunha lei non orgánica".