Unhas xornadas repasan este martes e mércores en Pontevedra a evolución do noso cinema dende a estrea das tres primeiras longametraxes galegas de ficción. Vídeos no interior.
Fotograma de 'Urxa'
20 anos despois da estrea das tres primeiras longametraxes galegas de ficción, Continental, Sempre Xonxa e Urxa, organízanse unhas xornadas de reflexión sobre a evolución da cinematografía do país na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
O evento '20 anos de Cinegalicia' desenvolverase entre este martes e mércores. O crítico Miguel Anxo Fernández abrirá as sesións, cunha intervención sobre 'Cinegalicia, a posta en valor da cinematografía galega'. Fernández coordina as xornadas, xunto a Fortunato Rodríguez, e fora comisario da exposición que lles dá nome ás xornadas.
A proxección dos tres filmes será unha das partes fundamentais do programa, acompañadas de presentacións previas. Así, Continental, de Xavier Villaverde, estará presentada polo seu propio director e mais o coguionista Raúl Veiga; Alfredo García Pinal e Carlos A. L. Piñeiro farán o mesmo coa súa obra Urxa, mentres que Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa, daralle paso ao filme, en ausencia do finado director Chano Piñeiro.
Pepe Coira e Eduardo Galán, xunto con Raúl Veiga, intervirán no panel 'Vinte anos despois de Galicia'. O programa complétano os coloquios 'Outros formatos', 'Tres óperas primas en Cinegalicia', 'Cinegalicia, comeza a produción de longametraxes' e 'Realizadores galegos cara ao futuro'.