Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día contra a violencia de xénero

UXT reclama "reforzo de dereitos" e esforzo para a educación en materia de igualdade

O lema do sindicato para esta xornada: "Combater a violencia contra as mulleres para avanzar cara a unha sociedade máis democrática e igualitaria".

Redacción - 19:35 24/11/2009

Aproveitando a cita deste mércores, desde a UXT-Galicia denuncian a escaseza de prazas de acollida para mulleres maltratadas e avogan pola fórmula dos pisos tutelados. "Confiren maior independencia e máis posibilidades de cara a un novo proxecto vital para as afectadas", analizan.

UXT considera que foi "moito o camiño andado" na loita contra a violencia de xénero, tanto en prevención como en atención, protección e recursos para as mulleres vítimas da violencia. "Pero as frías estatísticas agochan por tras unha realidade que indica que urxe intensificar as estratexias para eliminar esta lacra social que, no que vai de ano supuxo a morte de tres mulleres a causa da violencia de xénero exercida pola súa parella", recordan.

Pulo á educación
Debullando a estatística xudicial de denuncias rexistradas e ordes de protección cursadas, desde a UXT reparan en concreto no elevado número de mulleres que tiveron que botar man de programas específicos de emprego e axudas ao acceso de vivenda. "Para comezar unha nova vida os recursos á inserción laboral son básicos porque só dende a independencia económica é posíbel a liberdade das vítimas", advirten. Por este motivo, insisten na prioridade de fomentar a axilidade das administracións neste sentido e na inxección de recursos públicos.

"Tamén é necesario impulsar o desenvolvemento de políticas de igualdade que favorezan os necesarios cambios educativos en valores e actitudes sociais e contribúan a unha maior sensibilización e actuación para avanzar no tratamento, prevención e erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres, entre elas, o acoso sexual e o acoso por razón de sexo no eido laboral", destacan.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: