Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Volve a ameaza a Pena Trevinca

Unha moción de censura, para favorecer un parque eólico

A FEG denuncia que detrás da moción de censura ao alcalde de A Veiga está o interese por desbloquear a autorización de construción dun parque eólico na Serra de Pena Trevinca.

Federación Ecoloxista Galega - 11:28 20/11/2009

Á FEG chámalle a atención a coincidencia entre o anuncio de moción feito polo PP e a intención da Xunta de Galicia de reactivar a autorización de parques eólicos nesta área de grande interese natural. A FEG recorda que o novo decreto eólico quere practicamente deixar en mans dos concellos, por medio das licenzas municipais, a autorización dos parques eólicos, polo que no caso da Veiga sería fundamental chegar a facerse coa alcaldía.

A posibilidade da autorización de parques eólicos nesta área trátase dunha moi mala nova para o patrimonio natural de Galiza e de Pena Trevinca, que estaba pendente até hai moi poucos meses de ser declarada Parque Natural. De feito a inicios deste ano xa se daba por feito que esta zona sería Parque Natural antes do remate do 2009.

A posibilidade de construción dun parque eólico nunha serra montañosa como Trevinca supón unha ameaza crítica para a conservación dos valores naturais e paisaxísticos do “teito de Galicia”. Dende a FEG preguntámonos que está a facer nestes momentos a Xunta de Galiza para protexer áreas naturais de tanta importancia coma é o caso desta serra.

Dende a FEG reclamamos ao presidente Feixoo que revele as intencións do seu goberno para este espazo natural, e se dentro das súas prioridades está a declaración coma Parque Natural ou se pola contra pensa autorizar a súa destrución coa construción dun complexo industrial eólico, instalación totalmente incompatible coas medidas de conservación e a filosofía que supón o recoñecemento do que debe ser un Parque Natural.


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: