Unha rede mataba persoas para lles extraer a súa graxa e vendela para cosméticos que tiñan como destino final Europa.
A Policía mostra unha botella
As autoridades peruanas detiveron polo menos catro persoas e buscaban esta quinta feira outras sete pola súa presunta pertenza a unha rede que puido ter asasinado ducias de persoas para obter a súa graxa e comercializala para o seu uso en cosméticos con destino final Europa.
A Xustiza acusa a banda 'Pishtacos' de asasinar un habitante da provincia de Huamalíes, no departamento de Huánuco (centro do Perú), mais os medios locais falan de que a rede podería estar detrás de até 60 desaparicións na zona nos últimos cinco anos.
Logo de matar as persoas, os sospeitosos recollían a graxa das vítimas para a súa posterior comercialización que vendía por uns 10 mil euros por litro. Durante as primeiras declaracións, os imputados recoñeceron matar cinco persoas, a última o pasado 16 de setembro.
Mediante un procedemento artesanal, recollían a graxa e trasladábana a Lima para llela vender a estranxeiros que a comprarían para o seu uso en cremas cosméticas. O destino final deste líquido era Europa, segundo informou a Policía Nacional do Perú.
Precisamente as investigacións comezaron despois de que as autoridades interceptaron un destes lotes que chegaba a Lima procedente dunha zona montañosa de Perú. No momento da detención, dúas dos sospeitosos portaban máis de 15 litros de graxa almacenada en botellas.
A Policía sinalou que os integrantes da banda desarticulada finalmente enterraban ou tiraban os cadáveres a un río. Varios destes corpos xa foron localizados, aínda que as forzas de seguridade e xudiciais tratan agora de profundar nas súas pescudas para aclarar a magnitude da operación.
"Sacaúntos"
O Sacaúntos é un personaxe mitolóxico galego, usado para asustar os cativos, que se dedica a lles sacar a graxa aos nenos pequenos até deixalos nos ósos. Unha vez ten o unto marcha para o bosque onde o come para se tornar forte e vigoroso como as crianzas. Segundo outros, desta forma tira cartos ao llela vender aos vellos, para trocar o seu sangue por outro máis novo.