Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A partir de decembro

A deputación coruñesa facilitará o pago de impostos por SMS

Acaba de inaugurar un servizo de alertas ao móbil e permitirá usar o dispositivo para enviar os datos de domiciliación bancaria.

Redacción - 17:52 18/11/2009

A Deputación da Coruña ten listo un sistema pioneiro para pagar os impostos mediante o teléfono móbil. O servizo, desenvolvido en colaboración con Caixa Galicia, permitirá formalizar, a partir de decembro, a domiciliación dos recibos co envío dunha mensaxe de texto. Deste xeito, non será necesario desprazarse ás sedes tributarias para efectuar este trámite nos concellos que teñan transferida a xestión dos impostos á deputación.

O servizo comezará a funcionar despois da entrada en vigor da nova Lei de servizos de pagamento, publicada o pasado día 14. O que si xa está en marcha é un sistema de alertas SMS que informará a cidadanía das campañas postas en marcha pola deputación coruñesa, prazos de aboamento ou outros datos de interese. Dende o luns xa se remitiron máis de oito mil mensaxes e sete mil correos electrónicos.

Con esta medida, a Deputación da Coruña pretende dar máis opcións para o pagamento de impostos como o de bens inmóbeis, o de vehículos de tracción mecánica ou a taxa de recollida e tratamento de residuos. As domiciliacións incrementáronse un 30%, co que xa se acadaron as 707 mil operacións de cobramento periódico, mentres que a oficina virtual tributaria, que se abriu en xullo, xa rexistrou máis de seis mil accesos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: