Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Consello da Xunta deste xoves

Cunha nova planta en Muros a Xunta volve inxectar cartos no sector acuícola

A factoría muradá, a mesma que o bipartito proxectaba autorizar en primeiro lugar co novo plan, será a piscifactoría que o executivo aprobará esta semana.

Redacción - 19:00 11/11/2009
Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Foto: Adega

Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Foto: Adega

Argumentou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que coa aprobación dunha axuda para unha planta acuícola no Concello de Muros, o executivo que lidera impulsa a primeira planta "tras cinco anos de parálise" no sector. Segundo Núñez Feijoo, con esta decisión, o Goberno "desbloquea" a actividade acuícola en Galiza.

Con todo, e malia que desde a Consellaría de Pesca rexeitan confirmar os detalles do proxecto até que pase polo Consello na mañá deste xoves, a iniciativa acuícola en terras muradás é xustamente a mesma que o bipartito tiña previsto autorizar en primeiro lugar. Trátase dunha fábrica promovida pola empresa Galician Marine Aquaculture (GAM), xurdida ao abeiro da propia Universidade de Santiago e co aval financeiro, entre outros, de Rosalía Mera. A ausencia de recursos ao respecto desta factoría concreta e o avanzado do proxecto, facían desta granxa mariña, adicada á produción de orella de mar, a idónea para inaugurar a nova xeira que o executivo anterior pretendía abrir logo do deseño do novo Plan Acuícola.

Discutible impacto económico
Expuxo tamén o presidente da Xunta que se trata dunha iniciativa clave na loita contra o desemprego. Unha visión que ten sido obxecto de rifa parlamentaria xa que, segundo as contas debulladas polo grupo parlamentario do BNG, por cada emprego xerado, a industria acuícola está recibindo medio millón de euros en axudas públicas. Foi xustamente este desequilibrio un dos factores nos que os nacionalistas apoiaron a súa solicitude en meses pasados para que se estabelecese unha moratoria "inmediata" na instalación de piscifactorías no litoral do país.

"Faremos co sector acuícola o que fixemos co eólico e co AVE, que desbloqueamos coa parte intelixente do PSOE", afirmou Núñez Feijoo ao respecto desta aprobación. Malia iso, evitou achegar datos concretos sobre a subvención que recibirá o proxecto e o emprego que creará, indicando unicamente que será unha medida "fundamental" no plan para que o país saia da recesión.

Á luz dos datos manexados polo anterior Goberno, a planta muradá, que ocupará algo máis de 47 mil metros cadrados, xeraría 69 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos. A empresa prometera investir arredor de 4,5 millóns de euros. A produción saída desta planta, a orella de mar, e da que a factoría de GAM producirá 243 toneladas anuais, cotízase no mercado asiático, segundo a variedade, entre 100 e 2.000 euros o quilo. Nos últimos anos, a Xunta viña inxectándolle ás empresas do sector até o 50% dos cartos necesarios para a posta en marcha das granxas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: