Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Primeira Asemblea da Coordinadora de ENDL

O profesorado organízase para coller o temón a prol da lingua

"Sen medo e sen preguiza" e malia o recorte de recursos públicos, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística colle azos e prepara un feixe de proxectos.

Redacción - 19:30 09/11/2009

"Había que actuar". Valentina Formoso, elixida a pasada fin de semana como coordinadora xeral do colectivo, recordaba así as motivacións que levaron o pasado marzal a un grupo de docentes a poñer a andar o proxecto que deu lugar a esta Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística (CGENDL). "Os alí presentes eramos conscientes de que xa tiveramos que ter actuado colectivamente antes, mais o caso é que non o fixeramos", lembraba Formoso, "e a situación requiría urxencia, non nos podiamos permitir a nós mesmos ficar parados naquela situación, nin permitir continuar coa inercia anterior".

"Non se falaba doutra cousa: parecía que o máis urxente problema que había na sociedade galega era eliminar o Decreto do galego no ensino (...) O debate estaba centrado no ensino, e nós, ensinantes, normalizadores, redactores de proxectos lingüísticos, coñecedores e aplicadores do decreto... non iamos dicir nada?", expuxo a nova portavoz do colectivo no discurso de clausura que pode consultarse na web do colectivo.

Traballo a prol da lingua a pé das aulas
A CGENDL suma na actualidade arredor de 400 adhesións e, tal e como destaca Miguel L.Outeiro, voceiro para os medios da Coordinadora, reúne non só a representantes dos equipos de normalización lingüística senón tamén un bo feixe de "docentes colaboradores" que lle expresaron ao colectivo a súa vontade de participaren activamente nos proxectos do colectivo. "A CGENDL nace con intención de permanecer no tempo, de xuntar cada día máis apoios e tamén de moitos docentes que queren colaborar connosco, nace para sumar o noso gran de area a prol da lingua galega", expoñen. Entre outros, a asemblea do pasado sábado serviu para sumar oficialmente á causa a profesorado vencellado a centros de ensino privado.

O plan de traballo que se fixa a asociación inclúe unha campaña de sensibilización dirixida á comunidade escolar coa que pretenden "combater os prexuízos" ao respecto da lingua e favorecer que o alumnado "sinta fachenda" de falar galego. Ademais, proxectan programas de intercambio entre estudantes ou fomento do galego nas novas tecnoloxías, entre outras actividades que levarán a cabo, láianse, "a pesar dos recortes dos apoios institucionais".


4,82/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: