Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Proxecto EBA 5.0

'A esmorga' tamén é cómic, canción, xogo de rol e curta para móbil

Ourense revisa o legado de Blanco Amor desde as linguaxes do século XXI. O programa de actividades esténdese até febreiro.

Moisés Álvarez - 10:40 06/11/2009

Gonzalo Suárez levou A esmorga á pantalla. Sarabela Teatro subiuna aos escenarios. E agora volve adaptarse ás diferentes linguaxes creativas para transformarse en banda deseñada, xogo de mesa, colección de cancións ou curta para móbil. Cinco décadas despois da súa publicación, a novela de Eduardo Blanco Amor reinvéntase coas linguaxes do século XXI.

No 50 aniversario da publicación dunha das grandes obras da narrativa do século XX, institucións, asociacións e todo tipo de entidades de Ourense únense no proxecto EBA 5.0. Consiste nun amplo programa de actividades que arrancou en setembro coa representación da nova versión de Sarabela Teatro sobre o texto, e pecharase en febreiro do ano que vén cunha exposición na que se poderá ver o manuscrito orixinal e as diferentes edicións do libro.

Pero o máis agardado do programa é a aparición nas librerías a mediados de decembro dun libro con cd e dvd editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas, no que se revisa o universo de Blanco Amor desde diferentes disciplinas. Xunto a ensaios de Álex Mene, Xosé Manuel Buxán, Luis Rei e José Somoza, a obra inclúe o cómic “Noite de sombras”, un xogo de mesa, un audiovisual sobre unha obra para títeres de Blanco Amor e un disco no que dez grupos ourensáns presentan temas inspirados por A esmorga.

Unha perversión en viñetas
A novela é a fonte de inspiración da peza de banda deseñada “Noite de sombras”, con guión de Carlos Rafael Ramos e debuxos de Jaime Eizaguirre. “Máis que unha versión é unha perversión”, explica o guionista. A obra toma como referente unha noite de troula con tres personaxes na cidade de Ourense, “pero a partir de aí imaxinei o que podería pasar noutro contexto”, di Ramos. Así que sitúa a acción na noite do 1 de decembro de 1979, día no que morreu Blanco Amor, e no que Brais, Vito e César van celebrar a saída do cárcere dun deles. Carlos Rafael Ramos tomou como referencia as súas primeiras noites de esmorga, “cando os únicos locais que abrían de noite eran os bares de putas”, explica, “e alá iamos amigos e amigas a tomar un cubata entre catro”.

De esmorga sen saír de casa
Os que queiran reproducir as noites de troula sen saír da casa poden botar man do xogo de mesa desenvolvido polo grupo de rol da Casa da Xuventude de Ourense. Emilio Tilve e Marcos Fernández son os guionistas dunha proposta na que os xogadores teñen como obxectivo chegar a casa logo dunha noite de xolda. “Para os que somos de Ourense é moi fácil identificarnos co tema”, advirte Emilio Tilve.

Os xogadores poden participar cos personaxes do Bocas, o Milhomes e o Castizo. Tilve explica que “cada personaxe ten unhas habilidades especiais”, e vense afectados polo nivel de borracheira e de capacidade de pensamento que van acumulando á medida que se moven por un taboleiro no que a orde das casiñas é aleatoria. “Tamén entran en xogo os rumores: cando acumulas moitos, vas ao cárcere”, sinala Tilve.

Una novela, dez cancións
Unha novela cos personaxes e os ambientes d'A esmorga tiña que ser boa fonde inspiración para os músicos, e mais se estes son de Ourense. Dez formacións da cidade asumiron o reto de tomar a as situacións e espazos da novela como referencia para crear as súas cancións. Apuntáronse á aventura proxectos dispares: O Sonoro Maxín, Guezzos, Magritte, Perqtores, Sólidos Galicianos, Animales Domésticos, a Banda Ourensons, Burgas Beat, Gomes Mouro e até a Banda Municipal de Ourense.

“Démoslle a todos os grupos liberdade completa para traballar”, comenta Ico, membro de O Sonoro Maxín e da Banda Ourensóns e coordinador da parte musical do proxecto. Ico amósase moi satisfeito co resultado, tan diverso como cabía esperar: “hai temas de festa e outros máis intensos”, pezas que falan da chuvia, dos espazos, da propia esmorga ou da fuxida dos tres protagonistas polas rúas de Auria. Hai temas preparados para a ocasión e outros recuperados, como “A rúa do Perigo”, un tema ben coñecido de O Sonoro Maxín. A Banda Ourensáns incluso se atreve a facer un resume actualizado da novela nunha soa canción.

Ademais de rexistralos no cd, os temas presentaranse en directo o 18 de febreiro, nun espectáculo músico-literario no que ademais dos grupos participarán os actores Fernando Dacosta, Josito Porto e Suso Díaz.

As esmorgas de hoxe grávanse en móbil
As revisións contemporáneas da novela auriense tamén caben nun móbil. O concurso Esmorgaphone trata de atoparlle a utilidade creativa a unha ferramenta coa que moitos estudantes universitarios van habitualmente de xolda. Deses móbiles teñen que saír as curtas de ata dous minutos de duración coas que entre o 15 de novembro e o 15 de decembro se pode participar no concurso. A idea é “estimular o uso creativo das novas tecnoloxías”, explica Lois Pardo. Ao concurso poden presentarse pezas documentais, de ficción, de animación, biopics... calquera xénero para achegarse ao universo d'A esmorga. Todas as que se presenten poderán verse na web do campus ourensán da Universidade de Vigo, e a gañadora levará un teléfono móbil de última xeración.

As actividades arredor do 50 aniversario d'A esmorga non rematan aquí. A programación que se desenvolve nos vindeiros catro meses inclúe tamén exposicións, ofrendas, roteiros, bookcrossing, un obradoiro de cabezudos, unhas xornadas dirixidas ao profesorado e a representación da obra para títeres O horroroso crime do sacristán. Ducias de maneiras de achegarse a unha obra e un autor ourensáns e universais.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: