O conselleiro de Cultura asegura que a produción dos espectáculos será realizada “maioritariamente” por empresas galegas.
O conselleiro de Cultura e Turismo afirmaba este martes no Parlamento que serían empresas galegas as que se encargarían “maioritariamente” da produción e xestión dos espectáculos de artistas galegos e internacionais no Xacobeo 2010. Un día despois, o Partido Popular rexeitou unha proposición non de lei do BNG pola que se lle pedía á Xunta que a cultura galega sexa destinataria, como mínimo, do 50% dos fondos destinados á programación cultural do macroevento. A proposta, completábase cunha emenda do PsdeG que pedía que no desenvolvemento das actividades do Xacobeo haxa unha participación maioritaria de empresas culturais galegas.
A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón, sinalou que “o que se pide é algo lóxico e de sentido común, que tamén fixo Cataluña durante as Olimpíadas de Barcelona e Sevilla durante a Expo: aproveitar o evento para apoiar e dar a coñecer a nivel internacional os e as artistas e industrias culturais locais”. A deputada nacionalista manifestou que a programación do Xacobeo “prima e privilexia aos artistas de fóra e minusvalora e marxina os artistas galegos e as nosas industrias culturais”. Para Pontón “é imprescindíbel apoiar a cultura galega neste momento de crise, e o Xacobeo é unha oportunidade única que non se pode desperdiciar”.
“Oportunidade perdida”
O rexeitamento á proposición por parte do PP prodúcese un día despois de que o conselleiro Roberto Varela proclamase no Parlamento que “a promoción da cultura galega é un dos principais eixos do Xacobeo 2010”, que intentará “reactivar o turismo” e “recuperar a economía galega”. Durante o mes de decembro iniciarase unha segunda fase de promoción exterior do Xacobeo, con publicidade nos aeroportos de Frankfurt, París e Roma e nos principais do Estado, ademais de promoción na liga de fútbol e publicidade en medios de comunicación.
PSdeG e BNG cualificaron de “oportunidade perdida” a programación do Xacobeo, ao considerar que non incidirá na economía galega. Os dous grupos pediron explicacións polos 139.000 euros que a Consellaría de Cultura e Turismo pagou pola nova web do Xacobeo, que denunciaron que xa estaba realizada 20 días antes de aprobar a resolución. A parlamentaria nacionalista Carme Adán criticou a sobrerrepresentación da música clásica na programación e lamentou que o conselleiro non anunciase “un gran Culturgal en 2010 para promocionar o talento galego”.