Facebook súmase a unha rede de webs a prol do pacifismo con información sobre amizade entre usuarios de ideas, relixións ou países en conflito.
A rede social Facebook puxo en marcha un "portal da paz" baixo o enderezo peace.facebook.com. Aínda que o seu obxectivo ten un compoñente autopromocional, ofrece interesante información estatística sobre a relación entre usuarios de países en conflito e sobre onde hai máis confianza na paz mundial.
A iniciativa forma parte da campaña Peace dot impulsada polo departamento de Tecnoloxía Persuasiva da Universidade de Stanford que pretende crear unha rede de webs que conten co subdominio "peace" (paz).
Mediante gráficos, a páxina de Facebook analiza a porcentaxe de usuarios de varias comunidades que cren que se acadará a paz mundial en 50 anos. Os que amosaron seren máis optimistas son os de Colombia, seguidos dos de Exipto e Israel. No extremo contrario están os Estados Unidos e Alemaña.
Outra das áreas da páxina analiza as conexións de amizade entre rivais políticos (unicamente conservadores e liberais estadounidenses), relixiosos (musulmáns-cristiáns, cristiáns-ateos, musulmáns-xudeus e sunís-xiís) e xeográficos (entre Israel e Palestina, Albania e Serbia, India e Paquistán e Grecia e Turquía). Amosan máis proximidade as persoas gregas coas turcas e as musulmás coas cristiás, en termos absolutos.
Paralelamente, as persoas usuarias da rede social poden deixar as súas reflexións sobre a paz nunha columna de mensaxes instantáneas. Facebook xustifica a súa iniciativa a prol da paz no feito de que fornece tecnoloxía que permite o contacto e o entendemento entre a xente, que pode conectar e compartir as súas ideas, o que, ao seu entender, pode contribuír a reducir os conflitos mundiais a curto e a longo termo.